Navia Franco.
Cinco anos son anos abondo para facer política ficción. Uns e outros seguen ancorados nas súas propias tramas (censura á xestión do PP, aldraxe centralista ou defensa do que entón dixo e fixo a Xunta de Fraga), pero como manifestou en declaracións a un xornal o portavoz de Nunca Máis en relación á última e pouco numerosa manifestación convocada pola plataforma: “O ano pasado démonos conta de que a xente está cansa e quere pasar páxina”.
¿E no presente ano, quinto aniversario do Prestige? Xa non hai manifestacións cidadás, senón actos programados para os dous partidos que hoxe gobernan e que seguen buscando réditos non nos acertos propios, senón nos erros que tiveron os anteriores gobernantes.
Xa non son actos reivindicativos, senón festivos. Como se houbese algo que celebrar, á parte do recoñecemento á xente do mar que se mediu co chapapote e aos voluntarios que intentaron mellorar o desastre.
Dous actos serviron de conmemoración da catástrofe, o dos socialistas foi con flores e música de Jorge Drexler, baixo o paraugas de Iniciativas 21 e medio milleiro de persoas; o nacionalista consistiu nun paseo en barco para renderlle homenaxe aos mariñeiros cun home vestido de Neptuno e Susana Seivane coa gaita.
Falou Touriño da mentira e da “desinformación programada” do PP na catástrofe do Prestige e Quintana volveu reclamar as “competencias plenas” en materia de salvamento marítimo. Os dous levan cinco anos dicindo o mesmo, sen máis resultados tanxibles có feito de que hoxe nos gobernan.
A causa xudicial segue aberta. Agardemos que, cando se peche, teñamos un resultado medible: que quen provocou a marea nos renda contas e poidamos deixar atrás as ladaíñas.
14/11/2007