Xeración /Axencias.
Os sindicatos plántanlle cara ás reformas de pensións de Sarkozy cunha nova folga. Logo do paro dos transportes no pasado mes de outubro, que os traballadores calificaron de "un ensaio" para o que está por vir, unha nova folga arranca en Francia.
A empresa nacional de ferrocarrís (SNCF), iniciou xa a súa xornada de protesta, e a ela sumouse o transporte metropolitano RATP. Falta por secundar o paro o sector enerxético, da man de compañías estatais de electricidade -Electricité de France- e gas -Gaz de France-, se ben está previsto que hoxe vaian á folga.
Así as cousas, a mañá presentouse na capital gala sen trens de cercanías e cos autobuses baixo mínimos. Acumuláronse ata 300 quilómetros de retencións en estradas e autopistas.
A Sociedade Nacional de Ferrocarrís (SNCF) confirmou que o tráfico na súa rede está "moi perturbado" e que durante a xornada se agarda a circulación unicamente do 25% dos trens. As únicas liñas que parecen manterse na súa totalidade son as de Eurostar, que concectan París e Londres, e Thalys, que van da capital francesa a Bélxica, Holanda e Alemaña. En canto ás liñas de alta velocidade, en todo país circulan durante á xornada só 90 TGV dos 700 que hai normalmente.
Pola súa banda, RATP sinalou que a situación era "mellor do previsto", co 20% dos metros en circulación e o 15% dos autobuses, aínda que en dúas liñas de trens de cercanías, unha delas que conecta París cos dous aeroportos, non circula ningún tren.
Máis atascos, e máis cedo
Moitos parisinos optaron polo coche para desprazarse, ante a folga xeralizada no transporte público. A escolla traduciuse en atascos moito maiores dos habituais, e foron tamén máis madrugadores: ás seis da mañá (hora local) xa se acumulaban máis de 100 quilómetros de retencións. Máis sorte tiveron os que se decantaron polas bicicletas ou por camiñar.
Sete dos oito sindicatos da SNCF apoian o paro, que comezou ás 20h de onte. A folga está convocada para un período inicial de 24 horas, pero poderíase converter en indefinida. O primeiro 'efecto colateral' xa se fixo notar: as bicicletas están esgotadas na maior parte das tendas e servizos de alugueiro da cidade.
''A reforma, ata o final''
Pola súa parte, o presidente galo segue nos seus trece de reformar o sistema de pensións e eliminar os privilexios dos réximes especiais, por moito que lle medren os folguistas. Sarkozy declaraba no Parlamento Europeo, horas antes do inicio da folga, que con protestas ou sen elas, levará a súa reforma "ata o final".
O xefe de estado francés opina que os privilexios dos réximes especiais de pensións están "completamente desfasados" e acabar con eles parece terse convertido na súa aposta persoal. A reforma afectaríalle a un medio millón de traballadores das compañías estatais dos transportes e a enerxía. Segundo o sistema actual, estes empregados gozan de certos privilexios con respecto aos demais xubilados, como un tempo de cotización menor para acadar unha pensión completa (37,5 anos en vez de 40).
O ministro de traballo, Xavier Bertrand, escúdase en que sen a reforma "ninguén pode garantir" que os acollidos e estes réximes especiais poidan cobrar as súas pensións "dentro de cinco, dez ou quince anos". Tamén o primeiro ministro, François Fillon, defende a reforma como "asolutamente necesaria".
A forza dos folguistas
Pero os traballadores non están de acordo e precisamente o réxime especial implica a sectores que teñen na súa man paralizar o país. Xa o fixeron en 1995, cando o daquela primeiro ministro conservador Alain Juppé tentou levar a cabo a mesma reforma. Daquela as folgas prolongáronse salvaxemente pese a que o xefe de goberno mantivo o pulso aos sindicatos.
Juppé subestimou no seu día o poder dos folguistas, ao declarar que non retiraría a súa reforma a menos que houbese dous millóns de manifestantes. E o certo é que lle fixeron caso, dous millóns de persoas saíron ás rúas, e non só tumbaron a reforma, senón que o propio primeiro ministro tivo que dimitir.
O gabinete de 'Sarko' non parece disposto a cometer o mesmo erro, e o ministro de Traballo anunciou que recibirá durante a noite a todos os sindicatos para recabar as súas propostas sobre a reforma. Bertrand sinalou que "fai falta que esta folga remate canto antes", pero tamén deixou claro que a reforma seguirá adiante. A Confederación Xeral do Traballo (CGT), pola súa parte, anunciou tamén a súa disposición a abrir rondas de negociación tripartitas con empresas e estado de cada un dos réximes especiais.
Os estudantes, en pé de guerra
E por se ao gabinete de Sarkozy non lle chegase co panorama que se lle presenta cos transportes e a enerxía en pé de guerra, os estudantes soben de ton as súas protestas contra a reforma universitaria promovida polo goberno. Os bloqueos das aulas en varias universidades e os enfrontamentos coa policía quentan o ambiente.
En Nanterre, as forzas de seguridade desaloxaron pola forza a uns 200 folguistas que bloqueaban a entrada en varias facultades. Ademais, a asemblea de estudantes da Sorbona, votou o bloqueo de todas as súas facultades. En total, xa son case unha vintena de campus os que están paralizados pola folga e coas aulas bloqueadas, e isto comeza a facer mella no Goberno. "Varios días de bloqueo a poucas semanas dos exames pon en perigo todo o curso dun estudante", manifestou a ministra de educación. "O único método que vou aceptar é o diálogo", engadiu.
O movemento estudiantil contra a lei de autonomía universitaria comezou organizado polas organizacións estudiantís próximas á extrema esquerda, pero co pasar dos días comezou a acadar apoios na maioría dos sindicatos universitarios. A organización estudiantil maioritaria, a Unef, apelou a ampliar as mobilizacións e unirse ás protestas sindicais contra a reforma da xubilación, ademais de levar adiante as reivindicacións estudiantís.
Durante a xornada do martes, un cento de estudiantes tentaron concentrarse na Gare d'Austerlitz, en París, para unirse á folga dos ferrocarrís que comezaba este serán. Medio cento de antidisturbios cargaron contra os universitarios e obrigáronos a dispersarse.
14/11/2007