Datos de interés

  • Xoves 28.08.2008

Memoria anual do CES

O Consello Económico e Social critica as ''políticas dispersas'' da Xunta en I+D


Etiquetas: Consello Económico e Social, I+D+i, infraestruturas

Jacobo Rey. AGN.

Un informe elaborado polo Consello Económico e Social de Galicia (CES), dependente da Xunta, pon de manifesto que a falta de coordinación entre os distintos departamentos da Administración autonómica con competencias en Investigación e Desenvolvemento (I+D) está a provocar que se executen "políticas moi dispersas" por parte do Goberno galego nesta materia.

Así o indicou Inmaculada López, integrante do CES, durante a presentación en Santiago da 'Memoria Anual sobre a situación económica e social 2006' que elabora cada ano este organismo. O informe considera "urxente mellorar a eficiencia e a eficacia das políticas de I+D públicas", para evitar así "problemas de coherencia no deseño de políticas que resten eficacia á intervención pública".

Inmaculada López lamentou que nos programas de I+D en Galicia "o Igape vai por unha banda, a Consellería de Industria vai por outra e a Consellería de Economía por outro", o que impide que se poida enfocar este investimento cara a "un fin único e común".

Ademais, o informe pide especificamente unha maior participación do sector privado neste campo, xa que a súa porcentaxe de achega "está a mellorar pero está lonxe", indicou o presidente do CES, Pablo Egerique. Ao mesmo tempo, incide na importancia de "reformular os incentivos" dos investigadores asociados a centros públicos, e de incrementar a "insuficiente asignación" actual do 0,8% de gasto por parte da Xunta.

"Ano moi positivo"
A memoria elaborada polo CES cualifica 2006 como un ano "moi positivo" desde o punto de vista empresarial, xa que a economía galega creceu o pasado ano un 4,1%, situándose así entre as comunidades españolas con maior incremento do seu Produto Interior Bruto (PIB). Así, Egerique enmarcou este crecemento no impulso do sector industrial e a "moderación" nas tensións inflacionistas.

Con todo, Pablo Egerique fixo mención a "algunhas sombras" detectadas polo Consello Económico e Social ao longo dos últimos doce meses, tanto no desenvolvemento das obras públicas como no comportamento demográfico, o desequilibrio territorial ou a cobertura social ás persoas de máis idade.

Déficit en infraestruturas
Por unha banda, o informe esixe máis investimento do Goberno central para paliar "o elevado déficit de Galicia en materia de infraestruturas", ata o punto de que Egerique considera "case delictivo" que a comunidade galega acumule atrasos na chegada da alta velocidade ferroviaria. "É un pecado mortal", criticou o presidente do CES, quen instou ao Estado "a que faga un esforzo coma noutras comunidades".

Desta forma, o organismo consultivo propón a creación "dun sistema que permita definir a gradación en importancia dous recursos en infraestruturas", priorizando así uns investimentos sobre outros. No entanto, o propio informe subliña que a conexión do AVE coa Meseta e co Norte de Portugal segue sendo "unha obra de capital relevancia" para o crecemento económico de Galicia.

Desequilibrio territorial
Finalmente, o informe do CES tamén chama a atención sobre "o aumento do desequilibrio territorial" en Galicia durante o pasado ano, coa caída da poboación no interior da comunidade e nos concellos de menos de 10.000 habitantes. "Cada vez vive máis xente na costa e menos no rural", lamentou Egerique, tras recoñecer que se trata "dun tema recorrente".

Nesta liña, o presidente do CES relacionou directamente o desequilibrio entre as distintas provincias galegas coa caída demográfica que se rexistra en Galicia. Aínda que en 2006 se incrementou lixeiramente o número de habitantes, recordou que a poboación galega creceu a un ritmo anual do 0,2% no que vai de década, fronte ao 1,7% de media estatal.

Atención á dependencia
Finalmente, Egerique tamén insistiu na necesidade de incrementar o investimento en servizos de atención a persoas dependentes, xa que os actuais recursos son "escasos". De feito, afirmou que Galicia conta co 8% das persoas maiores de 65 anos de todo o Estado, pero que só concentra o 4,6% do gasto español neste campo.

Por iso, a memoria anual considera "imprescindible" a prestación "dunha maior atención" a este colectivo, a través do desenvolvemento "dunha rede asistencial e de calidade ao alcance de toda a poboación", con independencia do lugar de residencia, á vez que resulta "fundamental" a ampliación da dotación de servizos aos menores e o apoio á familia, para fomentar a conciliación da vida familiar e laboral.

13/11/2007

4'8 (4 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

As competencias en I+D+i están repartidas entre Innovacion e Industria, Economía, o Igape... (Foto: AGN)
As competencias en I+D+i están repartidas entre Innovacion e Industria, Economía, o Igape... (Foto: AGN)

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso