Axencias.
A líder da oposición pakistaní, Benazir Bhutto, esixiu que o presidente do país, Pervez Musharraf, abandone a xefatura do Estado e as Forzas Armadas. Considera que o xeneral acabou "coa folla de ruta da democracia" e que o seu réxime mergullou ó país nunha ditadura.
"Hai un consenso xeralizado de que Musharraf debe irse", declarou Bhutto nunha entrevista telefónica concedida a Sky News. Se o xeneral continúa no poder, a líder pakistaní entende que as cousas "só poden agravarse" nun país con armas nucleares onde o poder militar avanza sen freos.
O réxime de Musharraf mantén o estado de excepción e advertiu de que non toleraría a manifestación convocada pola oposición contra a oleada de arrestos que vive o país. Antes de ser arrestada onte por segunda vez en menos dunha semana, Benazir Bhutto esixiulle ó presidente que abandonase o seu cargo e lle puxese data ás eleccións.
Bhutto atópase retida na vivenda dun dirixente do seu partido, logo de que o goberno emitise unha orde de arresto domiciliario contra ela, que se fará efectiva nunha semana. De forma paralela, as forzas de seguridade emprenderon unha redada en Lahore na que arrestaron a uns 200 actividas do Partido Popular de Pakistán, a formación de Bhutto.
13/11/2007