J.R. AGN.
O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, recoñece as dificultades de moitos negocios familiares á hora de atopar unha persoa que se manteña á fronte do establecemento, xa que se trata "dunha profesión escrava" á que os comerciantes dedican "moito tempo" cada día.
Durante a presentación hoxe en Santiago de dúas guías formativas en formato CD-Rom, Seijas insistiu en que os comerciantes dedican á súa profesión un tempo maior ao horario de apertura de cada comercio. "Temos que seguir traballando dúas ou tres horas", asegurou o presidente da federación.
Nesta liña, admitiu que na actualidade "calquera mozo busca un posto de traballo no que gañe moito e traballe pouco", mentres que a profesión de comerciante esixe maior dedicación que outro tipo de empregos. Por iso, xustificou a posta en marcha de programas que favorecen a xubilación anticipada destes profesionais e a cesión do seu local a mozos que queiran seguir coa actividade comercial.
''Implicación emocional''
Sobre isto, a directora xeral de Comercio da Xunta, Ana Rúa, destacou que o 80% dos comercios galegos están rexentados por pequenas empresas familiares. "Iso ten vantaxes e certos inconvenientes", sinalou Rúa, quen destacou que este tipo de negocios caracterízanse "por un grao de emotividade que dificulta a profesionalidade" no seu funcionamento.
En canto ao programa de cesión de actividade, a directora xeral explicou que no período 2006-2007, un total de 124 comerciantes maiores de 60 anos puxeron o seu local a disposición de persoas menores de 45 anos, para que estes manteñan en activo o negocio. "Está liña de actividade está tendo éxito", subliñou Ana Rúa, tras destacar que esta iniciativa permite "a rexeneración" do tecido comercial galego.
Novas guías
O presidente da Federación Galega de Comercio e a responsable de comercio do Goberno autonómico presentaron dúas novas ferramentas formativas denominadas 'Empresa familiar comercial, traspaso e venda' e 'Mercadotecnia de vendas', coa intención de conseguir "un comercio máis profesionalizado" en toda a comunidade, destacou Rúa.
No primeiro caso, a guía trata de inculcar nos comerciantes galegos a importancia do proceso de sucesión, xa que nel inflúen "factores sociais, sentimentais e psicolóxicos", afirmou José María Seijas. "Será unha axuda para a toma de decisións sobre o presente e o futuro do negocio", sinalou o presidente dos comerciantes galegos.
En canto á guía sobre mercadotecnia de vendas, esta ferramenta realiza unha aproximación ás distintas prácticas para incrementar a notoriedade dun negocio. As dúas guías inclúen "un contido práctico, ameno e de fácil manexo", e repartiranse un total de 3.000 exemplares en distintas xornadas organizadas pola Federación Galega de Comercio.
12/11/2007