Datos de interés

  • Sábado 04.07.2009

O caudal, por baixo do 30%

Medio Ambiente denunciará a Ferroatlántica pola seca da Fervenza


Etiquetas: medio ambiente, ríos, auga, seca, Ferroatlántica

Xeración (Santiago).

A Consellería de Medio Ambiente personarase na causa aberta no Xulgado de Corcubión contra a empresa Ferroatlántica para investigar a morte de milleiros de peixes ao secar o encoro da Fervenza. Anunciouno o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez. O obxectivo da Consellería con esta medida é coñecer o sucedido "de primeira man" e estar presente nas dilixencias previas na causa que leva o xulgado de Corcubión

Segundo como se desenvolva o proceso xudicial, o departamento de Medio Ambiente considerará a posibilidade de presentarse como acusación particular contra a empresa xestora do encoro do Xallas.

Durante a mañá máis peixes quedaron atrapados no encoro da Fervenza, debido ao seu baixo caudal. Técnicos da Consellería de Medio Ambiente certificaron que unhas 660 troitas morreron hoxe no Xallas, moitas menos que os milleiros da fin de semana. Varias decenas de femias foron trasladadas a Sobrado dos Monxes para que puideran desovar aló.

O baixo nivel do embalse tamén afecta ao abastecemento de poboacións cercanas, como Cee, Corcubión, O Ézaro e O Pindo, polo que o Seprona e a Consellería de Medio Ambiente teñen abertas dúas investigacións simultáneas para tentar descubrir por que, aínda que a principal sospeitosa segue a ser a empresa que explota a Fervenza, Ferroatlántica.

Din que non lle tocaron ao encoro dende o 28 de setembro
Ferroatlántica asegurou, nun comunicado, que leva un mes condicionando á súa actividade de xeración hidroeléctrica á necesidade de manter o caudal ecolóxico do encoro da Fervenza, no río Xallas e negou que tivese aberto as comportas nas últimas semanas. Así e todo, o maior encoro da provincia da Coruña volve estar hoxe por baixo do seu caudal recomendado, con menos do 30% de auga.

A compañía propiedade de Juan Miguel Villar Mir afirmou que interrompeu por completo a explotación do encoro o 28 de setembro, despois de estalo empregando só ao 25% nas semanas anteriores, e lembrou que o Xallas está protexido por unha lexislación autonómica que en todo momento se cumpriu.

Adega: "Estánse a apropiar dun río que e patrimonio de todos"
Estas palabras tiveron unha resposta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, Adega, que denunciou "evidentes irregularidades e continuos incumprimentos dos caudais ecolóxicos" por parte de Ferroatlántica, empresa a que a Xunta lle concedeu, este mesmo ano, tres novos aproveitamentos hidroeléctricos no derradeiro tramo do Xallas.

Fins Eirexas, secretario executivo de Adega, declarou na Radio Galega que, por moito que se cumprise a letra da lei, non é lóxico que unha empresa privada "se estea a apropiar dun río que é patrimonio de todos".

Lugo e Pontevedra xa aplican restriccións de auga
O resto dos encoros de Galicia tamén van diminuíndo o seu caudal, aínda que dun xeito menos drástico, e a Confederación Hidrográfica do Norte mantén a alerta por seca que activou a semana pasada, especialmente na cunca do Miño. Na parte alta de Lugo varios concellos comezaron xa a recomendar contención no consumo de auga e suspenderon o rego de xardíns e o baldeo das rúas, mentres na provincia de Pontevedra as localidades do Rosal e Oia limitaron xa o consumo a 800 litros diarios.

En todo caso, a maioría dos encoros galegos roldan o 50% de capacidade e, polo momento, o subministro doméstico está garantido.

12/11/2007

4'8 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Troitas mortas no encoro da Fervenza (Foto: Adega)
Troitas mortas no encoro da Fervenza (Foto: Adega)

Buscar máis información sobre







Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso