Datos de interés

  • Sábado 17.05.2008

Sociedade da Información

A Xunta di que o 77% das localidades galegas teñen cobertura de banda larga


Etiquetas: rural, banda larga, internet

Jacobo Rey. AGN.

Máis de 23.000 núcleos de poboación en Galicia teñen acceso a internet a través de banda larga, o que representa o 77% das localidades galegas, segundo os datos da Consellería de Innovación e Industria. Noutras case 7.000 aldeas, a internet de alta velocidade aínda non fixo a súa aparición.

Pese a todo, os datos sinalan un avance  na conectividade a internet por banda larga, xa que segundo os datos da Xunta, en 2005 este servizo estaba dispoñible só en 1.148 núcleos, o 4% das preto de 30.000 localidades existentes na comunidade galega.

O titular do departamento de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentou hoxe un informe sobre a extensión da banda larga en Galicia, que sinala que o 82% da poboación galega pode contratar unha conexión a internet de alta velocidade. Segundo Blanco, este servizo está dispoñible en polo menos un punto de todos os concellos da comunidade.

Os datos da Consellería sinalan ademais que 78 localidades galegas dispoñen xa de dobre conectividade, é dicir, a posibilidade de elixir entre dúas operadoras que ofrecen banda larga ao cliente. Dous anos atrás, só as sete principais cidades ofrecían a dobre conectividade, segundo os datos achegados polo departamento autonómico.

O titular do departamento autonómico sinalou durante a presentación destes datos que o obxectivo da Xunta pasa por estender os servizos de banda ancha a un mínimo do 90% da poboación galega en 2010, tal como recolle o Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI). "Estamos no camiño do cumprimento dos obxectivos do plan", indicou Fernando Blanco.

Liña troncal de fibra óptica
Para alcanzar estes obxectivos, Fernando Branco detallou os resultados da orde que se está levando a cabo coa operadora R para levar a banda larga aos núcleos rurais e comarcais de máis de 500 vivendas, e que inclúe un investimento global de 134,7 millóns de euros, dos que 39 millóns achégaos Innovación.

A rede troncal de fibra óptica prevista na orde atravesará un total de 112 concellos por todo o país, e dará cobertura a 347.843 vivendas e empresas. Polo momento, xa se atopa executada en 71 concellos, e proporciona servizos de banda ancha a máis de 264.000 fogares e empresas galegas, afirmou o conselleiro.

Plan de acceso a zonas rurais
Blanco lembrou tamén que este ano finaliza a primeira fase do programa estatal de extensión do acceso á banda ancha en zonas rurais e illadas (Programa PEBA), dependente do Ministerio de Industria, e que desenvolve a operadora Telefónica.

O programa PEBA inclúe a chegada da banda ancha a través de ADSL sobre cobre, WIMAX e satélite en 27.090 núcleos de poboación galegos, un obxectivo que beneficiaría a 1.215.000 habitantes destes núcleos. Segundo sinalou o conselleiro, o grao de cumprimento elévase ao 97% da poboación marcada e ao 81% dos núcleos incluídos no plan.

Con todo, a outra cara da moeda é que a alta velocidade que chega a moitos destes núcleos illados (a través do servizo ADSL rural) o fai a través de conexións moito máis lentas que as ofrecidas por unha conexión de banda larga estándar e a un prezo maior.

12/11/2007

4'9 (10 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

A banda larga en Galicia avanza a pasos lentos
A banda larga en Galicia avanza a pasos lentos

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso