B.V. (Santiago).
Apadriñada pola Santa Compaña e baixo o lema 'Lerasnos de morto, se non nos les de vivo'. Con estes ingredientes saíu á rúa o primeiro número de Retranca, unha revista mensual dirixida e editada polo humorista Kiko Dasilva que pretende recuperar a tradición humorística galega.
Escrita enteiramente en galego e coa colaboración de destacados nomes do humor do país, o proxecto tratará de analizar a golpe de broma os temas que máis lle preocupan ó cidadán de a pé, aquelas cuestións nas que non se profundiza dende os medios de comunicación pero das que se fala na rúa.
Seguindo co guión fixado, cada número centrarase nun tema da actualidade galega, tanto política coma social e tradicional, que será desgranado a fondo por autores tan coñecidos coma Miguelanxo Prado, Xaquín Marín, Pinto e Chinto, Leandro ou o gañador do Premio Castelao de Banda Deseñada deste ano, o vigués Jacobo Fernández. Contará ademais coa colaboración de colectivos de marcada tendencia retranqueira, coma Reizentolo.
Homenaxe a 'El Jueves'
E como non podía ser doutro xeito, o primeiro número chegou pisando forte: dedicado ó feísmo e con póster do rei incluído. Segundo Kiko Dasilva, Retranca pretende deste xeito renderlle homenaxe á revista El Jueves, que no mes de xullo foi secuestrada por orde xudicial por amosar na portada unha imaxe dos príncipes de Asturias que deu a volta ó mundo.
En palabras de Dasilva, "non se debería perder o tempo con humoristas que o único que fan é sátira política, non se vai acabar a democracia por unha broma e hai miles de problemas máis graves para meter nun xuízo rápido".
Para salvagardar a súa independencia, Retranca non recibe subvencións. Segundo o seu director, tratará de sobrevivir coa aceptación do público e "se algún concello ou organismo quere publicitarse, benvido sexa, pero que saiba que non ficará exento de crítica".
Nacida para durar
A idea de quitar unha revista de humor ó mercado rondaba pola cabeza de Kiko da Silva dende hai un ano. Cunha experiencia profesional forxada en publicacións do xénero, coma Golfiño, Mister K, ou mesmo El Jueves, este galego advertiu que no país había un baleiro moi apetecible no mercado galego: o das revistas de humor. E entón naceu Retranca.
A primeira data de arranque que se barallaba era a Noite de Samaín. Un proxecto que emerxe dende o mundo dos mortos porque, a xuízo do seu creador, "unha revista que nace ten moitas probabilidades de morrer". Sen embargo, se nace morta poderá durar ata a eternidade.
Con esta pretensión, cando menos ambiciosa, Retranca ocupou finalmente os estantes dos quioscos galegos dende esta mañá. O segundo número, que verá a luz en decembro, irá dedicado á Cidade da Cultura.
12/11/2007