Luis Vázquez-Pena. Nova+.
As vendas de automóbiles de segunda man atravesan un momento doce. En Galicia rexistráronse, entre xaneiro e setembro, un total de 65.100 vehículos de ocasión. A estas alturas son case 5.000 coches máis que o ano pasado, segundo os datos da Asociación Nacional de Vendedores de Vehículos a Motor, Reparación e recambios (Ganvam).
"Á hora de mercar un coche novo a xente pénsao máis", explica David Barrientos, voceiro de Anfac, a patronal do sector do automóbil. Algúns esperan a unha mellor ocasión. Outros, "para ir tirando", optan pola alternativa dun vehículo de segunda man.
'Danos colaterais' da crise hipotecaria
Os vendedores auguran que o mercado de segunda man seguirá medrando. A principal causa, a longa sombra da crise hipotecaria. Despois da vivenda, o seguinte sector que se resinte nas crises do ladrillo é o da automoción. E o poder adquisitivo dos galegos está polo chan, tralas continuas subidas dos tipos de interese que se dan un mes si, e outro tamén.
As familias "están superando niveis históricos de endebedamento", asegura Barrientos, e deben destinar máis diñeiro a pagar a vivenda, polo que deixan de inverter en automóbiles. Para o sector das catro rodas, o 2007 pode rematar cunha redución nas vendas dun 3 ou incluso dun 4%, segundo os cálculos da Federación de Asociacións de Concesionarios de Automoción (Faconauto).
Cambio de mentalidade
José Antonio Sánchez-Torres, presidente de Ganvam, lembra que ata hai só uns anos, "a xente era reticente á hora de mercar un vehículo usado". Agora xa cambiou a mentalidade de moitos compradores, e "hai quen prefire mercar un coche con máis prestacións, pero de segunda man". O empresario indica que os que se deciden polo mercado de ocasión non sempre van ós coches máis baratos, senón que moitos buscan un vehículo con máis prestacións polo que lles custaría un coche novo de gama baixa. Durante o 2007, o 45% dos automóbiles de segunda man que se levan vendido pertencen ó segmento medio-alto.
Sen embargo, as cifras de vendas de coches de ocasión aínda están lonxe da media europea. Os datos españois falan de 1,1 coches de segunda man que se venden por cada vehículo novo. Na UE a media alcanza os 2 coches usados por cada automóbil novo que se matricula. Porén, a tendencia é de acercamento; "en dous ou tres anos sería normal que alcanzásemos os datos da Unión Europea" apunta Juan Antonio Sánchez-Torres.
Dende Anfac tamén se destaca o detalle do aumento da poboación emigrante con rendas baixas, como factor que explica a suba nas vendas de vehículos de ocasión. Aseguran que non é aínda unha cifra determinante -só o 12% do mercado-, pero que tenderá a subir nos próximos anos.
Fin do Plan Prever
Tampouco vai axudar ó mercado 'de primeira man' o fin do Plan Prever, que subvenciona a compra de vehículos novos. A desaparición desta subvención é algo que preocupa a todo o sector, que ven malos horizontes nas cifras de vendas.
Ademais, os fabricantes advirten que o parque automobilístico español e galego está aínda moi envellecido, o que conleva que os vehículos máis antigos sigan sendo unha fonte de contaminación. Segundo os cálculos dos fabricantes, o 20% dos coches que circulan por España supoñen o 80% da contaminación que se produce nas estradas.
14/11/2007