Xeración.
O Deportivo da Coruña amosou o mellor fútbol que se leva visto en todo o ano na Coruña... pero perdeu outra vez. A dificultade dos branquiazuis para sumar puntos na casa -só levan 4 de 15 posibles- comeza a adquirir trazas de maldición, e fai que os xogadores de Lotina se fundan outra vez na cola da táboa, a só un punto do penúltimo clasificado.
Contra o Rácing de Santander, o Dépor quería ir a por todas. Despois duns comezos titubeantes, Xisco, Verdú, e Cristian fixeron bo a Toño, o porteiro visitante, que salvou unha e outra vez ós seus na primeira metade. Así, o partido chegou ó descanso sen que os galegos puidesen transformar en goles o seu asedio na área visitante.
Un gol inmerecido
O segundo tempo comezou igual que rematara o primeiro. Toño non perdeu a concentración baixo os paos, e o Dépor deixou escapara outras tantas ocasións. Finalmente, o perdón saíulle caro ós coruñeses, pois nunha escapada pola banda esquerda, Munitis púxolle un balón a Tchité, para que o congolés marcase o único tanto do encontro. Un gol que non facía xustiza ó que demostraran os dous equipos sobre o campo.
A partir de entón, o Dépor perdeu pegada, e non xa volveu inquietar a meta visitante como fixera ata entón. No último minuto, o defensa local Filipe Luís viu o cartón vermello directo por unha dura entrada contra Colsa.
O Celta rescata un punto de Anoeta
E se o Dépor se quedaba sen un xogador no último minuto, o Celta perdía ó seu porteiro, Pinto, nos primeiros 60 segundos de xogo. O gardameta agarrou a Larrea cando se internaba só na área pequena. Mal comezo, con penalti e expulsión. Con Esteban baixo os paos, o especialista donostiarra, Gerardo erraba a pena máxima lanzando o balón fóra.
Ningún dos dous equipos se veu abaixo polo acontecido nos primeiros minutos do choque. A Real demostrouno co primeiro gol no minuto 23, cando un balón perdido na área celeste atopou a cabeza do arxentino Víctor López. E o Celta non tardou nin dez minutos en responder. Coa primeira media hora cumprida, Jorge colocaba o balón na portería de Riesgo e a igualdade no marcador.
Intensa segunda metade
O partido non decaeu na segunda parte, pois a Real Sociedade buscaba a vitoria fronte un rival cun home menos, sen poder descoidar a retagarda, pois o Celta contraatacaba con perigo. Os dous conxuntos tiveron ocasións de levarse os tres puntos, con claras ocasións de Labaka para os locais e Perea para os visitantes.
Os vigueses non notaron a falta dun xogador, e apertaron cerca do final do partido, dominando claramente o xogo, pero sen conseguir mover o 1-1 que quedaría no marcador ata o pitido final.
11/11/2007