Datos de interés

  • Venres 21.11.2008

Entrevista á ministra de Agricultura

Elena Espinosa: "Esperamos que a UE aumente este mesmo mes a cota láctea"


Etiquetas: agro, leite, viño, Elena Espinosa

Nair Mesejo. AGN.

A ministra de agricultura promételle novidades aos produtores lácteos galegos interesados en adquirir cota do Banco Nacional. A presente campaña, iniciada o pasado 1 de abril, carece de momento do mecanismo empregado desde 2005 polo MAPA para regular a compra de cota. Tras oito meses de espera, a súa titular, a galega Elena Espinosa, avanza que a finais deste mes haberá novidades.

Pregunta: Cando disporá o sector do Plan Lácteo 2007?

Resposta: Estamos nunha situación diferente á de anos anteriores porque pedimos á UE un aumento de cotas. En España somos deficitarios: temos pouco máis de 6 millóns de toneladas de cota e consumimos 9 millóns. Ademais países como China, que nunca foran consumidores de lácteos, empezan a consumir. Non só hai un déficit no ámbito español senón a nivel mundial. Poderemos incrementar a cotas de España sen que implique un descenso do prezo para os gandeiros.

P: En que prazo se pode confirmar ese aumento da cota de España?

R: A Comisión Europea dixo que si á proposta que fixemos, que nos ía a facer un estudo que esperemos que entregue rapidamente. Estamos a falar de finais de mes porque non tiña moito marxe para preparalo.

P: Podería ser un aumento de cota que implicase que España deixe de ser un mercado deficitario de leite?

R: Imos ver a proposta que fai a Comisión Europea e, en función dela, marcaremos a nosa posición. Queremos que exista un equilibrio case perfecto e que non pasemos a unha situación de exceso de cota que baixe o prezo do valor do leite.

''A cota debe custarlle o menos posible ao gandeiro''
P: Reducirán o prezo do quilo da cota do Banco Nacional por baixo dos 0,17 euros, como veñen demandando os sindicatos?

R: Falamos da posibilidade de rebaixar ese prezo, pero son temas que haberá que acordar coas comunidades autónomas e as organizacións de produtores. A cota debe custarlle o menos posible ao gandeiro. Non podemos esquecer que antes de empezar cos plans de reestruturación en 2005 os prezos alcanzaban os 0,70 euros o quilo. Non baixamos desde o primeiro momento ese prezo, porque había xente que pagara moito e debiamos dar uns anos para ir axustándose.

P: Vaise manter a repartición territorilizada da cota?

R: A cota non está territorializada. Si hai un reparto competencial, onde o 80% do que se abandona asígnano as propias comunidades autónomas a uns criterios previamente establecidos. Isto significa que a gran favorecida neste plan é Galicia. Pola súa vocación natural e a situación que teñen as súas explotacións. Aínda que a xente diga que non, os datos son tercos.

P: O Plan 2006 desgustou a moitos en Galicia e falouse de intereses noutras autonomías.

R: Sempre me acusaron persoalmente de beneficiar a Galicia fronte ao resto das comunidades. E a comunidade galega foi a única que aumentou a súa cota unha vez feito o cómputo dos anos 2005 e 2006.

''Temos que esquecer o do arranque das vides''
P: A reforma da organización común de mercado (OCM) do viño, obrigará aos produtores galegos a arrincar vides?

R: Non. Temos que esquecer o do arranque do viñedo. No primeiro borrador que existiu falábase da obriga para a Unión Europea de eliminar 400.000 hectáreas. Hoxe estase falando de 200.000 voluntarias. Cada Estado membro, e en España as comunidades autónomas, poden blindar determinadas zonas para que non se arrinque, porque senón creariamos problemas ambientais. Hai zonas que, por ter unha pendente determinada xa non se podería arrincar, como toda a Ribeira Sacra. E nas leiras pequenas tamén se prohibe arrincar viñedo, así que en Galicia máis do 80% das leiras estarían excluídas do arranque.

P: A aposta, encamíñase cara ás denominacións de orixe?

R: Sería a primeira vez que a OCM do viño recoñece as denominacións de orixe (DO) e as identificacións xeográficas protexidas (IGP). A OCM que temos agora fala só de viños de calidade producidos nunha rexión determinada. Outra cousa é que haxa que mellorar algún aspecto como é a liberalización de plantacións, pero imos por bo camiño. Hoxe podemos presumir en España de ter unhas calidades de viño que xeran envexa noutros produtores europeos.

Conxugar o agro e o medio na Limia
P: A modernización dos regadíos da Limia, como afectará á declaración de ZEPA prevista?

R:Temos que facer compatible a preservación de zonas naturais coa modernización agraria. No caso da Limia é posible e levaremos a cabo ese investimento con todas as garantías ambientais e sen que interfira nos temas ZEPA. Queremos que mellore a produtividade das explotacións, que o agricultor se meta nas últimas tecnoloxías, como activar todos os sistemas de rega a través dun teléfono móbil.

P: Cre que ese investimento garante o mantemento da actividade agraria na Limia.

R: É aí onde temos que traballar! Que hai que facer coas explotacións gandeiras? Modernizalas. O Plan Nacional de Desenvolvemento Rural terá unha dotación de algo máis de 15.000 millóns de euros, entre os fondos da Unión Europea, o Ministerio de Agricultura e as comunidades. Un dos seus paquetes máis importantes é o da modernización. As comunidades autónomas teñen que decidir en que ámbito queren gastar o diñeiro.

11/11/2007

4'5 (4 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Elena Espinosa, ministra de Agricultura (Fotos:Ramsés. AGN)
Elena Espinosa, ministra de Agricultura (Fotos:Ramsés. AGN)

Buscar máis información sobre






Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso