Xeración.
A SGAE continúa a súa particular cruzada contra internet. Desta vez o damnificado é a Frikipedia, un 'wiki' de contidos humorísticos, que foi condenada a pagar unha multa de 600 euros por atentar contra a honra da Sociedad General de Autores e a facerse cargo dos custos do xuízo, que superan os 1.700 euros. A sentenza, emitida pola Audiencia Provincial de Madrid, é en firme e non admite recursos.
O editor da autoproclamada "enciclopedia inútil", Vicente Herrera, Krusher, foi o único culpable, segundo o tribunal, de que na entrada sobre a SGAE aparecesen insultos. O propio Herrera explica no seu blog a situación: "Krusher recibe unha demanda da SGAE reclamándolle 9.000 euros porque alguén lles chamara 'mafiosos' na súa web (posteriormente un terceiro borrara o insulto, aclaro) e outro subiu unha foto de Pedro Farré cun parche no ollo e un loro no ombreiro"
O texto que orixinou a demanda foi retirado da Frikipedia, pero pode consultarse aínda noutras direccións de internet.
Condenado por ser o único usuario identificable
Herrera é o único usuario identificable da Frikipedia, xa que ten rexistrado o dominio, e por iso a xuíz considera que debe ser responsable de todo o que se publica nela, aínda que esta web sexa un 'wiki', é dicir, un sitio web colaborativo que pode ser editado por calquera usuario en calquera momento.
O administrador da Frikipedia realizou unha colecta entre os usuarios da páxina para que lle axudasen a pagar a demanda e logrou reunir 1.200 euros. Herrera agradece o apoio económico e moral dos internautas e, sobre todo, o do seu pai, que sufragou o resto dos gastos.
09/11/2007