Datos de interés

  • Venres 21.11.2008

Negociacións coa guerrilla

As FARC, na axenda de Chávez


Etiquetas: Venezuela, Colombia, Hugo Chávez, FARC

Xeración.

O presidente venezolano Hugo Chávez estase a converter na auténtica estrela da negociación coa guerrilla colombiana das FARC. Trala súa última reunión co comandante das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia, Iván Márquez, Chávez declarouse "máis optimista ca nunca" respecto a unha pronta liberación de reféns.

A marca no horizonte que podería determinar definitivamente a negociación é o posible encontro entre o presidente venezolano e o xefe guerrilleiro Manuel Marulanda. Chávez dá por feita esta reunión: "Marulanda ten na súa axenda 'reunión con Chávez', eu teño na miña axenda 'reunión con Marulanda'. O que non sabemos aínda é a data".

O propio Iván Márquez declaraba, tras reunirse co presidente venezolano, que "o cumio Chávez-Marulanda deberá realizarse no Yarí" -zona controlada pola guerrilla colombiana ao surleste de Bogotá-, e que se en efecto é así "seguramente esteamos atopando unha solución ao cativerio dos prisioneiros, tanto na montaña como nas prisións".

Este hipotético intercambio involucraría a 500 guerrilleiros presos e a unhas 47 ou 50 persoas secuestradas polas FARC, tanto membros do exército, como da vida política do país. Agárdase que, nesta hipotética lista de 'prisioneiros para liberar, estea o nome da política franco-colombiana Ingrid Betancourt, refén das FARC dende 2002. Precisamente Chávez anunciou hoxe que na súa visita a París o 20 de novembro aportará probas de que Betancourt segue viva tras cinco anos de cativerio.

A gran baza de Sarkozy
O presidente venezolano convertiuse na gran baza de Sarkozy para apuntarse un tanto coa liberación de Betancourt. Días despois de tomar posesión como Presidente da República, Sarkozy saltou ó coliseo da política de “altas esferas internacionais” ó comprometerse a intervir na liberación de Betancourt e para conseguilo, Chávez converteuse na oportunidade de ouro cando as cousas se amosaron menos sinxelas do que parecía.

Se noutra época Sarkozy non racaneaba críticas ós métodos de Chávez, os dous xefes de estado están encantados dende o pasado agosto de lanzarse alabanzas a ambos lados do océano. O equipo diplomático de Sarkozy incluso se encargou de limar asperezas entre Chávez e o presidente colombiano Álvaro Uribe, axudando a restablecer unhas relacións que non sempre foron cordiais no pasado.

Encontro con Uribe nun Cumio 'quente'
Desde mediados de agosto e co visto e prace do Goberno de Bogotá, Chávez actúa como mediador para un intercambio de prisioneiros coas FARC. Nas negociacións está acompañado pola senadora colombiana Piedad Córdoba, que tralo encontro de hoxe concidiu co optimismo de Chávez ao declarar que "se moveron algunhas cousas que se crían imposibles".

Córdoba confirmou ademais que os presidentes Uribe e Chávez manterán un encontro para falar do tema das FARC durante o Cumio Iberoamericano que se celebra en Chile. O presidente venezolano ratificou pois que asistiría ao Cumio, pese ás protestas que se están a vivir na Universidade de Caracas contra a súa reforma constitucional.

Nun primeiro momento especulárase con que o presidente venezolano sería o gran ausente do cumio, pero posteriormente, el mesmo confirmou a súa asistencia. E só co anuncio da súa chegada, Chávez xa se convertiu no gran protagonista do encontro diplomático.

Como sucede no resto do mundo, o presidente venezolano ten dividida a esquerda chilena, entre os partidarios do seu modelo de oposición á política estadounidense e os que o consideran un veciño incómodo. Antes da súa chegada ao Cumio, medio cento de seguedores e opoñentes a Chávez concentráronse entre berros e empurróns diante da embaixada venezolana na capital chilena, amosando cada un os seus odios e simpatías.

09/11/2007

5'0 (4 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Chávez, con Piedad Córdoba e Iván Márquez, trala reunión (Foto: prensa do Goberno Bolivariano de Venezuela)
Chávez, con Piedad Córdoba e Iván Márquez, trala reunión (Foto: prensa do Goberno Bolivariano de Venezuela)
Reunión entre Álvaro Uribe e Hugo Chávez (foto: Web alopresidente.gob.vn)
Reunión entre Álvaro Uribe e Hugo Chávez (foto: Web alopresidente.gob.vn)

Buscar máis información sobre






Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso