Xeración (Santiago).
O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol anuncia que vai presentar un recurso contra a concesión da acta de posta en funcionamento á planta de Reganosa en Mugardos.
A plataforma baséase en que tal acta de posta en servizo "non é definitiva, pois admite a posibilidade de que se presente un recurso de alzada ao Delegado do Goberno". O Comité Cidadán asegura que se o recurso prospera e a acta resultase anulada, a planta regasificadora "non tería dereito a funcionar nin a percibir retribucións do sistema gasista".
Dende o Comité consideran "precipitada e inxustificada" a concesión da Acta de Funcionamento a Reganosa. Ao seu xuízo, aínda hoxe seguen sen cumprirse dúas esixencias contempladas na Lei de Hidrocarburos, e que foran impostas a modo de condición no permiso de construción da planta de gas.
Nesta liña, o Comité considera que Reganosa non acata a distancia mínima de dous quilómetros respecto das casas, nin a posibilidade de saída a mar aberto dos gaseiros en caso de urxencia durante as descargas.
A tenor da devandita norma, enténdese que a planta non pode entrar en funcionamento definitivo nin formar parte do sistema de produción e distribución de gas de non reunir os dous requisitos.
''Galicia non precisa a Reganosa''
O Comité Cidadán asegura ter constancia de que a planta de gas afincada en Mugardos "non é necesaria, nin para Galicia nin para os tres ciclos combinados construídos por Endesa e Fenosa". Estes ciclos traballan ó 25% da súa capacidade, sosteñen dende o colectivo veciñal, porque non existe a rede eléctrica precisa para exportar unha produción maior. Polo tanto, Reganosa "non é necesaria nin estratéxica".
Así, esixen do Ministerio de Industria "que aproveite a oportunidade legal que ten para resolver este problema". A solución para o Comité pasa por revogar a decisión da área de Industria e Enerxía da Coruña, baixo o argumento de que a acta de funcionamento foi concedida "sen ter en conta uns condicionamentos que son imposibles de resolver mentres Reganosa siga na ría de Ferrol".
A plataforma anuncia ademais que nos vindeiros días presentará en Bruxelas unha nova denuncia, desta vez pola vulneración da Lei de Hidrocarburos na concesión da autorización definitiva de posta en funcionamento á planta gaseira.
08/11/2007