AGN.
O arquitecto alemán Wilfried Wang, o único membro do xurado que no concurso de ideas para a Cidade da Cultura votou en contra da proposta de Peter Eisenmann, advirte de que as obras do Gaiás terán un custo final de 600 millóns de euros, fronte aos 108 previstos inicialmente, e aos case 380 das obras adxudicadas. A isto hai que sumar, o gasto de mantemento e de persoal para o seu funcionamento.
O arquitecto alemán explicou a súa oposición no seu día ao proxecto de Peter Eisenmann, que xustificou en que o deseño "era excesivo no seu tamaño e non era innovador", ao que engadiu que "non me daba a impresión de que fose capaz de facelo". Wang, que cando integrou o xurado do Gaiás era director do Museo de Arquitectura de Frankfurt (Alemaña), asegurou que a proposta de Eisenmann "non é o símbolo que podería levar a Galicia ao século XXI". Manifestou non crer que "un outeiro que se remodelou para parecer un outeiro poida ter este poder simbólico".
Wang defendeu en cambio o proxecto de de Stephen Hall, o seu favorito no concurso de ideas e que segundo el constituía "unha proposta máis atractiva para o século XXI". Declarou que a súa visión sobre o de Eisenmann foi "negativa dende o principio". Recoñeceu que a obra terminada do Gaiás será "un importante edificio (...) pero podían ter tido un mellor".
Evitar que se convirta "nunha tumba baleira"
Con todo, Wang afirmou que a Cidade da Cultura haberá que tentar enchela de vida porque se non se vai converter "nunha tumba baleira". Así e todo, o arquitecto avisou de que "vai ser un esforzo orzamentario enorme e haberá que ter moitos millóns na man". Ao seu xuízo, a Cidade da Cultura será un problema importante para calquera Goberno, pero non considerou realista paralizalo agora. Sinalou que o proxecto do Gaiás será "un éxito só se todos aceptan que vai ter un custo (...) en 50 anos esqueceremos todo isto, excepto os impostos engadidos que terá que pagar todo ou mundo".
O arquitecto alemán criticou o tamaño do proxecto e a "irresponsabilidade" que supón dicir que non hai límite económico para unha construción porque é unha obra de arte. Segundo el, isto implicou darlle un cheque en branco ao arquitecto, "algo inaudito porque o cliente sempre ten que controlar o custo do proxecto". Baseándose neste argumento, Wang responsabilizou á Xunta -o cliente- dos custos adicionais.
"Wilfried sen medo"
Wang protagonizou unha das comparecencias máis mediáticas da Comisión da Cidade da Cultura, na que contradeciu ao ex-presidente da Xunta, Manuel Fraga, que apenas unhas horas antes negara que detrás do proxecto Gaiás subxacese a idea de crear un mausoleo. Wang asegurou que "existía un medo a Fraga" no xurado que elixiu o deseño de Eisenmann en 1999. Declarou que era "a sombra que se proxectaba sempre" nos debates, e engadiu que "a noción de que o dirixente desta autonomía crease a súa propia tumba era algo que se debatía" no seo do xurado.
As alusións de Wilfried Wang ao Gaiás como mausoleo do ex-presidente da Xunta non gustaron nada nas bancadas do PPdeG. O portavoz de Cultura dos populares galegos, Ignacio López-Chaves replicou que "Fraga segue vivo e a tumba tena un pequeno pobo de Galicia", en referencia a Perbes, e denominouse en varias ocasións ironicamente ao arquitecto alemán como "Wilfried sen medo" por emitir un voto particular nun xurado no que todos "tiñan medo a Fraga (...), "o que non deixa en moi bo lugar aos seus compañeiros", advertiu.
07/11/2007