Xeración.
O software libre galego tenta facerse un oco nas Pemes entre os programas propietarios que por maioría dominan os PCs das pequenas e medianas empresas galegas.
Para isto, a Consellería de Innovación distribuirá entre as Pemes galegas un DVD ateigado de ferramentas informáticas de software libre, gratuítas e en galego, orientadas a "satisfacer as necesidades informáticas" das pequenas e medianas empresas. O DVD farase chegar a Pemes, asociacións empresariais e cámaras de comercio.
Segundo a directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Helena Veiguela, a principal finalidade desta iniciativa é a divulgación do software libre entre o tecido empresarial do país, "co fin de salvar o primeiro obstáculo co que se enfronta este tipo de tecnoloxía: o descoñecemento".
Todo o que precises, gratis
A tradución ao galego e a selección das aplicacións incluídas no DVD foi coordinada por Mancomún.org, Iniciativa Galega polo Software Libre. Segundo o colectivo, cos programas que se distribuirán "calquera empresa disporá de aplicacións para manexar a súa contabilidade, xestionar os seus recursos, levar a súa comunicación interna e externa para, en definitiva, integrarse nun modelo empresarial baseado no coñecemento e as TIC cun custo cero e na nosa lingua".
Dende Mancomun.org engaden que este tipo de programas de xestión empresarial "supoñen unha enorme oportunidade de negocio para as empresas tecnolóxicas galegas de desenvolver unha industria informática baseada nos servizos e nos produtos informáticos propios".
07/11/2007