Datos de interés

  • Martes 09.02.2010

Planta de Mugardos

Industria concédelle a Reganosa a autorización de posta en funcionamento definitiva


Etiquetas: Reganosa, Ferrol, Mugardos

C.C. AGN (Ferrol).

A planta de gas de Mugardos xa ten a acta de posta en servizo definitiva. Logo de varios meses funcionando en probas, o Ministerio de Industria remitiu a Reganosa o último permiso que lle faltaba para lograr a súa integración no sistema gasista nacional.

O documento remata con máis de seis anos de tramitación administrativa e expídese despois de que os técnicos do Estado asegurasen que a terminal cumpre con todos os requisitos legalmente esixibles, tanto de seguridade como de funcionamento.

A planta de gas de Mugardos operaba cunha autorización provisional desde que o pasado mes de maio recibiu o seu primeiro cargamento de gas natural licuado. O tempo transcorrido desde entón, segundo Reganosa, serviu para que os especialistas do Ministerio de Industria constatasen o correcto funcionamento da factoría.

Nos máis de seis anos de tramitacións, interviñeron as administracións local, autonómica e nacional, ademais de organismos europeos. Do proceso deriváronse 21 autorizacións sobre a totalidade ou diferentes aspectos da planta. Con esta última e definitiva, Reganosa e a súa rede de gasodutos de 135 quilómetros intégranse no sistema gasístico nacional.

''Fin ás incertezas''
Pouco logo de coñecerse que Reganosa tiña xa a autorización definitiva, o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, cualificaba a noticia como "moi positiva". Irisarri dixo entender que "se a planta conta con todos os certificados é natural que o Ministerio conceda o permiso".

En relación ao rexeitamento social que xerou a posta en marcha da planta no interior da ría de Ferrol, Irisarri pediu que se poña fin ás incertezas sobre a súa seguridade. "Os cidadáns temos dereito a esixir que se actúe con todas as cautelas pero ata técnicos de diferentes plantas de gas do mundo dixeron que Reganosa ten os niveis de seguridade máis altos do mundo", dixo Irisarri.

A acta que non convence a todos
A solicitude de que esta acta de posta en funcionamento non se lle outorgase á planta regasificadora de Mugardos era un dos principais obxectivos dos colectivos que se opoñen á gaseira, encabezados polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría. Durante os últimos meses, a plataforma recolleu sinaturas para pedir que se lle denegase a concesión deste documento.

O Comité Cidadán mantén que "non está claro" que a planta de Reganosa cumpra cos condicionantes para que lle fose concedida esta autorización. O colectivo reitera que a planta non cumpre coa distancia mínima coa poboación esixida a actividades industriais perigosas e que "non está garantida a saída ao mar dos buques gaseiros en caso de emerxencia durante a descarga".

07/11/2007

4'6 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Colectivos cidadáns opóñense a esta autorización ao entender que as instalacións de Mugardos non cumpren os requisitos (Fotos: AGN)
Colectivos cidadáns opóñense a esta autorización ao entender que as instalacións de Mugardos non cumpren os requisitos (Fotos: AGN)

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso