Datos de interés

  • Sábado 04.07.2009

Comisión de Investigación

Fraga cédelle aos seus conselleiros as culpas do Gaiás


Etiquetas: Fraga, PPdeG, Parlamento, Feijóo, Cidade da Cultura

Xeración /AGN (Santiago).

"Quero deixar claro dende agora que non intervín especialmente na Cidade da Cultura", dixo onte Manuel Fraga, ex presidente da Xunta de Galicia. Fraga asumiu os posibles "erros de coordinación" do complexo do Gaiás, pero dixo que deixou que os conselleiros tomasen as decisións concretas, "especialmente os de Cultura -Xesús Pérez Varela- e Facenda -Xosé Antonio Orza-, que cumpriron co seu deber".

En todo caso, o fundador do Partido Popular dixo que cree no complexo arquitectónico de Peter Eisenman, que "non é un mausoleo, senón un soño marabilloso". Para Fraga, cando a Cidade da Cultura estea rematada Galicia terá "algo capaz de ser coñecido en todo o mundo", como o Pórtico da Gloria e a fachada do Obradoiro.

A comisión da cidade da Cultura recibiu esta mañá dúas das comparecencias máis agardadas, a de Manuel Fraga e a do líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, quen recoñeceu e lamentou que o Executivo de Manuel Fraga non fora capaz de prever o gasto final da Cidade da Cultura.

Feijóo cre que é "un dos compromisos máis importantes co Camiño de Santiago"·
Así a todo, Feijóo tamén dixo estar orgulloso deste proxecto, "un dos compromisos máis importantes co Camiño de Santiago dende o século XII". Afirmación arriscada, se consideramos outras contribucións como a remodelación da fachada do Obradoiro aló polo século XVIII, ou, sen ir tan lonxe, o nomeamento do Camiño como Patrimonio da Humanidade en 1993.

Feijóo, vicepresidente da Xunta no momento no que comezaron as obras do Gaiás, reiterou que a obra de Eisenman é un dos proxectos máis significativos que se puxeron en marcha en Galicia nos 26 anos de autonomía. "É unha aposta arriscada, pero paga a pena", engadíu.

O xefe da oposición dixo tamén que  que o informe do Consello de Contas non recolle nin unha soa irregularidade ou ilegalidade, xa que de ser así o propio Consello teríallo remitido ao Tribunal de Contas. A Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia semella ter outra opinión, xa que considerou estes días que a xestión do Gaiás merece unha investigación xudicial.

Fraga: "Non se pagou nada de máis"
Manuel Fraga apoiou a confesión de Feijóo, dicindo que "é difícil prever dente o primeiro momento o que vai custar un proxecto destas características", pero matizou que "nunca se pagou nada de máis polas obras". O que fora xefe do Executivo galego e presidente de honra do Padroado da Cidade da Cultura defendeu o complexo do Gaiás con varios dos lugares comúns que os membros do PPdeG está a empregar nesta comisión, por exemplo o feito de que ten un custo menor por metro cadrado que outras obras comparables, como o Guggeheim de Bilbao.

Outro dos argumentos habituais que empregou Fraga foi dicir que é o bipartito "o que si vai pagar máis polo mesmo", por ter atrasado as obras, esquecendo que foi o seu goberno o que, en funcións, deixou licitados a maior parte dos cartos gastados  nos últimos dous anos. Engadiu que cambiarlle de nome aos edificios é doado, "e máis doado aínda é non facer nada, pero o que compre agora e finalizar o proxecto".

"Que digan o que queiran pero é unha boa idea", sentenciou o ex presidente, que comparou o "soño marabilloso" do Gaiás co que tiveron o rei Fernando VI  e a súa esposa Bárbara de Braganza, cando construíron a Igrexa de Santa Bárbara no convento das Salesas Reais, onde hoxe están enterrados. Así as todo, Fraga explicou que lle parece inxusto que se fale do Gaiás como o seu mausoleo: "O meu mausoleo está en Perbes, e nunca busquei ningún outro".

¿O Guggeheim ou o Val dos Caídos?
O portavoz do BNG, Carlos Aymerich, que se está a destacar pola súa mordacidade nas réplicas, aproveitou estas afirmacións para recriminarlle ao fundador do PP que se compare cun "rei absolutista" e preguntoulle se a Cidade da Cultura está inspirada no Guggenheim ou no Val dos Caídos. Engadiu, ademais, que "non basta que un gobernante teña un soño para que haxa que costealo con fondos públicos", ao que Fraga replicou que o Gaiás "será unha fonte de riqueza" polos ingresos turísticos que xerará.

Tanto Aymerich como o voceiro socialista , Ismael Rego, destacaron que Fraga "descargue responsabilidades nos seus conselleiros". Rego chegou a dicir que a Cidade da Cultura sitúa ao ex presidente "como un pai ao que as compañías do seu fillo obrigaron a saír a tapar os seus defectos".

Pola súa banda, o voceiro popular, Manuel Ruíz Rivas, acusou aos grupos do bipartito de cuestionar o legado de Fraga e asegurou que as comparecencias desta mañá so buscaban a foto de Fraga e Feijóo, coa que se identificarán miles de galegos que apoian a Cidade da Cultura. "Verémonos nas urnas e o resto, bla, bla, bla, é palabrería", concluíu.

O líder do PPdeG tamén se desvincula da xestión
Pola súa banda, Alberto Núñez Feijóo gastou boa parte da súa intervención en afirmar que nin el nin ninguén da súa familia estiveron relacionados coa xestión da Cidade da Cultura, un proxecto que defende a ultranza pero con cuxas contas non quere ter nada que ver.

Xa no comezo, matizou que acudía á comisión non só como ex vicepresidente da Xunta senón tamén como líder actual do PPdeG xa que de limitarse ao primeiro cargo, a súa intervención duraría só cinco minutos.

Na quenda de réplica, Carlos Aymerich respondeulle duramente: "Xa sabemos que vén como führer do PPdeG, pero lémbrolle que non está vostede nunha conferencia dá FAES e que ven aquí a responder as preguntas dos parlamentarios".

O voceiro nacionalista  pediulle contas ao lider popular sobre o papel que xogou na adxudicación dos dous últimos contratos do Gaiás adxudicados o primeiro dous días antes das eleccións e o segundo xa como Goberno en funcións. "Estes dous contratos deixaron hipotecado ao actual Goberno en 150 millóns de euros", dixo Aymerich, quen non conseguiu unha resposta clara de Núñez Feijóo.

07/11/2007

4'9 (11 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Fraga, Feijóo e Aymerich, onte no Parlamento (Fotos: Pepe Ferrín. AGN)

Buscar máis información sobre







Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso