LV.
Chegou de sorpresa, pero está disposto a quedar. Adrián López, Piscu, defensa canteirán do Deportivo, é a gran noticia derivada da desgrazada lesión de Lopo. Na quinta xornada do campionato, a finais de setembro, unha lumbociática nas costas deixou KO ao central catalán.
Lotina apostou polo canario Aythami ante o Recreativo en Riazor (0-2), un partido
que foi unha desfeita para os deportivistas. O técnico vasco decidiu revolucionar o once inicial ante o Espanyol e aí comezou o recital de Piscu, un canteirán que leva anos destacando no Fabril, pero que nunca se enfrontara a futbolistas da clase de Tamudo, Kanouté, Morientes, Van Nistelrooy, Güiza ou Fernando Baiano.
Foron todos estes notables arietes os que este rapaz das Pontes tivo que vixiar nos seus primeiros seis partidos en Primeira División. Cumpriu con aprobado ante Morientes ou Güiza, con notable ante Tamudo e Van Nistelrooy e con sobresaliente ante Kanouté ou
Baiano. Precisamente, ante o Murcia do brasileiro, no último partido, destacou por riba dunha figura como Coloccini, que acaba de ser citado por Arxentina.
A recuperación dos lesionados podería devolvelo ao Fabril
Lotina dixo marabillas do seu xogo en máis dunha ocasión, pero a pronta recuperación
de Lopo, que podería volver en dúas semanas, e Pablo Amo, que tardaría algo máis, poderían devolvelo ao Fabril. Piscu seguirá adestrando co primeiro equipo, pero ante a posibilidade de deixalo no banco, Lotina podería optar por darlle minutos co Fabril.
O caso é que, visto o visto, a nova perla da canteira herculina ten xa un lugar fixo no primeiro
plantel. O difícil de entender é por que o Dépor fichou a Aythami tendo tan preto xente como Piscu.
07/11/2007