As mobilizacións contra o estado de excepción declarado en Pakistán polo presidente Musharraf continúan. Desta volta, os xuristas negáronse a acudir ós tribunais superiores en sinal de protesta, obrigando ás cortes a suspender a súa actividade.
Xeración/Axencias (Santiago).
Máis de cen avogados e activistas detidos. Este é o balance da nova xornada de protestas contra a declaración do estado de excepción en Pakistán polo presidente do país, o xeneral Pervez Musharraf.
As manifestacións saldáronse con polo menos 60 persoas arrestadas na cidade de Karachi, ó sur do país, e outras 52 en Lahore, ó leste. Os avogados, un dos colectivos máis críticos co réxime, negáronse a acudir ós tribunais superiores de ámbalas dúas cidades como forma de protesta, polo que as cortes tiveron que suspender a súa actividade, como xa sucedera o luns co Tribunal Supremo.
Máis de 2.000 arrestados
Dende a declaración do estado de excepción o pasado sábado, son máis de 2.000 as persoas detidas. O presidente Musharraf xustificou a medida alegando o deterioro da lei e da orde, e as "interferencias" da xustiza nas decisións do goberno.
O colectivo de xuristas anunciaba o luns o comezo das mobilizacións. "Imos lanzar a nosa loita, faremos protestas e boicotearemos as cortes", indicou Hamid Ali Khan, o ex presidente da Asociación de Abogados da Corte Suprema.
Ataque á independencia
O movemento dos avogados levantouse coma a vangarda dunha campaña contra o réxime pakistaní despois de que o xefe do Exército e presidente do país suspendese ó máximo xuíz, nunha medida considerada coma un ataque contra a independencia do poder xudicial.
Agora, en virtude do estado de emerxencia, os maxistrados de Pakistán deben prestar de novo xuramento ante Musharraf antes de exercer as súas funcións de novo. Sen embargo, unicamente cinco xuíces dos 18 que forman o Supremo se viñeron a xurar outra vez o seu cargo.
Washington: unha de cal e unha de area
As medidas adoptadas en Pakistán colocaron ós Estados Unidos entre a espada e a parede. O seu presidente, George W. Bush, considera que o decreto do estado de excepcións vai en contra da democracia.
Pero, por outra banda, Bush non escatimou en louvanzas a Musharraf, e xustifica a súa decisión porque entende "as ameazas dos extremistas e dos radicais, non por nada tentaron asasinalo en varias ocasións".
Que o presidente estadounidense navegue entre dúas augas non é de estrañar. E o mesmo acontece no Reino Unido. Washington e Londres dependen de Pakistán na chamada 'guerra ó terror', polo que, se ben din apoiar a democracia, non toman medidas concretas en contra de Musharraf.
Tendo en conta que os dous países teñen despregado en Afganistán o maior continxente de tropas, e que a fronteira entre este país e Pakistán está tomada polos Talibán e polos rebeldes de Al-Qaeda, a Occidente non lle convén a inestabilidade.
Os xuices, branco das medidas
Musharraf beneficiouse dunha importante axuda financieira dende que lle declarou a súa fidelidade ós Estados Unidos, tralos atentados do 11 de setembro do 2001. Precisamente foi a cercanía a Occidente a causa das protestas contra o réxime. O presidente decidiu a suspensión da constitución polas "ameazas" ás que se enfronta o país.
O poder xudicial semella o branco de tódalas medidas adoptadas dende o goberno. Musharraf teme que a Corte Suprema se negue a aceptar que siga sendo, ó mesmo tempo, comandante en xefe do Exército e presidende civil.
O estamento máis alto da xudicatura do país debe emitir un veredito sobre a legalidade da reelección de Musharraf antes do 12 de novembro, tres días antes da fin do seu mandato. Unha das primeiras medidas tomadas durante o estado de excepción foi a elección dun novo presidente da Corte suprema, e o arresto do avogado que denunciou a reelección.
06/11/2007