Enrique de Ron. AGN.
A Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non apoia o arquivo da causa xudicial polas posibles irregularidades contables na xestión e execución do proxecto do monte Gaiás. Entende que si existen datos suficientes para abrir unha investigación penal.
O ministerio fiscal do TSXG repróchalle á xuiza titular do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago que arquivase a denuncia sobre esta cuestión "sen realizar ningunha dilixencia tendente a confirmar as sospeitas".
O fiscal portavoz, José Ramón Piñol, declarou que o ministerio público xa presentou un recurso contra o auto do xulgado compostelán que o pasado día 2 de novembro notificou o arquivo da causa. A denuncia estaba formulada pola Fiscalía do TSXG a instancias dunha demanda asinada por tres membros da CIG. Os denunciantes pedían “a depuración de posibles responsabilidades penais en relación coas obras e as contas” da Cidade da Cultura.
''Datos máis que suficientes''
A Fiscalía insiste en que na documentación aportada na denuncia "aparecen datos máis que suficientes como para entender que se debe desenvolver unha investigación profunda, seria e pormenorizada" sobre a xestión da obra do monte Gaiás, a súa adxudicación e o gasto xerado por ela.
Baseándose nisto, o fiscal portavoz califica de "prematuro" o peche da investigación por parte do xulgado, a quen acusa de non emprender ningunha dilixencia xudicial nin exame pericial para esclarecer os extremos da denuncia, e descartar ou confirmar as sospeitas que nela se inclúen.
Denuncia ante o TSXG
O xulgado de instrución número 1 de Santiago, que investigaba este caso, decidira arquivar a causa pese a aprezar irregularidades na xestión e execución do proxecto do Gaiás. Baseábase en que estas non son "tan relevantes" como para seren dirimidas no eido penal.
A denuncia contra a execución do proxecto da Cidade da Cultura fora presentada inicialmente ante a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Asinábana a título persoal tres integrantes da CIG: Mar Peteira, Xan Carlos Ansia e Xosé Manuel López Viqueira.
Os denunciantes pedían que se abrise un proceso penal contra os responsables da xestión do proxecto do Gaiás. Baseaban a súa denuncia no informe do Consello de Contas sobre a Fundación da Cidade da Cultura, que segundo aseguran, evidencia as irregularidades que salpican a execución do proxecto.
Tras un primeiro estudo, a Fiscalía do TSXG admitiu a trámite a denuncia, ao enteder que poden existir "indicios de criminalidade" na xestión do proxecto do Gaiás. Daquela, remitiu o caso a un xulgado santiagués para que instruíse a causa e investigara a denuncia en profundidade.
Tralo arquivo da causa, e antes de que a Fiscalía aclarase se ía ou non recurrir a decisión da xuíza, tanto os denunciantes como a plataforma 'Cultura si, Mausoleo non' xa anunciaron o seu desacordo coa decisión e aclaraon que estaban a valorar presentar recurso.
05/11/2007