Datos de interés

  • Sábado 17.05.2008

Agro

No país das 980.000 vacas


Etiquetas: bovino, leite, rural, agro

Jacobo Rey. Nova+.

Uns trinta concellos galegos teñen un censo bovino que supera, e moito, ao padrón municipal de habitantes. A maioría son concellos do interior, vinculados ao sector primario e que foron perdendo poboación nas últimas décadas por mor da emigración e o envellecemento. Pero malia este declive demográfico, mantéñense como as auténticas granxas de Galicia. E nalgúns casos, as vacas multiplican por cinco o número de homes.

O exemplo máis evidente é Triacastela, o concello galego -e con case total seguridade, de España- con máis bovinos por habitante. Aquí cohabitan en perfecta harmonía 821 veciños e 4.791 cabezas de gando. Conclusión: case 6 vacas por persoa.

A situación non lle estraña nin ás autoridades nin aos seus habitantes, a pesar de que cada vez son menos. En 1991, o municipio contabilizaba 1.129 residentes. A falta de oportunidades, o éxodo á capital provincial e a ausencia de recambio xeracional provocaron en 25 anos un descenso da poboación do 28%. Pero as vacas seguen aí, sostendo a economía sobre os seus cornos, nun concello onde catro de cada cinco veciños viven por e para a gandería.

Esa desproporción repítese en moitos concellos galegos, sobre todo nas provincias orientais. Cae a poboación -salvo nas capitais e as súas áreas- aínda que se mantén o censo bovino. Con altibaixos, pero o millón de vacas do que falaba na súa novela Manuel Rivas segue vixente. En concreto, 980.000 cabezas.

Unha nova gandería

Malia todo, o exemplo singular de Triacastela ten unha segunda explicación. Trátase do terceiro concello de Lugo con menos poboación, tras Negueira de Muñiz e Ribeira de Piquín. Por iso, xustifícase que a súa cabana gandeira (4.791 bovinos) non sexa, nin de lonxe, das máis importantes da provincia. Algo similar sucede na Pastoriza, Paradela, Pol e Muras, os outros catro concellos galegos cun censo vacún que quintuplica ao de habitantes. Todos eles caracterízanse polo declive demográfico, e no caso de Muras, por ser o municipio de Galicia cun maior número de parques eólicos no seu territorio.

De feito, a estrutura poboacional destes municipios leva consigo que a maioría das explotacións gandeiras sexan de pequeno tamaño, cunha reducida dimensión de carácter puramente familiar. Precisamente, esas son as granxas que foron desaparecendo paulatinamente nas últimas décadas, cando Galicia pasou de ter máis de 78.000 explotacións lácteas en 1993, ás pouco máis de 16.000 que sobreviven na actualidade, o que se traduce na desaparición anual de preto de 5.000 granxas.

Fronte a este modelo, en Galicia foise consolidando unha nova gandería baseada en granxas de maior tamaño e máis eficientes, cunha produción baseada en criterios industriais.

O cambio era inevitable, ao reducirse a cifra de granxas e manterse o de animais. Segundo o especialista en economía agraria Gonzalo Fernández, nos últimos quince anos produciuse "un cambio moi positivo" na estrutura das explotacións galegas. Así, a media de vacas de leite pasou de 6,4, en 1993, a máis de 20 bovinos a mediados da presente década.

Os máis poboados

Con estas cifras, cinco municipios galegos contabilizan máis de 20.000 vacas. O primeiro na lista é Lalín, cun total de 25.366 cabezas. Séguenlle os lucenses da Pastoriza (21.465) e Sarria (20.072), mentres que o cuarto e o quinto son Mazaricos (20.053) e Santa Comba (20.052), ambos na Coruña, e cunha importante tradición leiteira.

Como curiosidade, as estatísticas de Medio Rural reflicten que en seis concellos galegos non está rexistrado nin un só rumiante. O motivo? Problemas de espazo -como en Mondariz-Balneario- ou unha inexistente actividade gandeira, como no Grove ou A Illa de Arousa.

Ademais, o concello español cun maior número de vacas tampouco se atopa en Galicia. Só no concello asturiano de Tineo pastan a diario máis de 35.000 vacas, malia contar con 1.225 explotacións.

06/11/2007

4'8 (10 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

(Fotos: Otto. AGN)
(Fotos: Otto. AGN)
(Fotos: Otto. AGN)

Buscar máis información sobre






Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso