Datos de interés

  • Sábado 17.05.2008

Moito 'Google' e pouco 'Phone'...

Google entrará nos móbiles con 'Android', un sistema operativo de código aberto


Etiquetas: software, Google

Xeración.

Ao final o G-Phone non existe, polo menos non como teléfono físico.  O misterioso proxecto de Google para telefonía móbil saíu hoxe das sombras e resultou ser un sistema operativo completo de código aberto para telefónos móbiles, denominado Android e  respaldado por un grupo de empresas, tanto operadores como fabricantes, que se integran na alianza Open Handset.

“Anunciamos algo moito máis importante que un simple teléfono”, afirma Andy Rubin, director de Plataformas Móbiles de Google, xa que Android nace coa ambición de ser un novo estandar para a telefonía móbil, creado en código aberto (coa licencia Apache v2), "sen ningún dos obstáculos que o software propietario lle pon á innovación" e co apoio de máis de 30 empresas, entre elas HTC, Motorola, Samsung, Telefónica, Intel, Nvidia ou T-Mobile, que colaboran no seu desenvolvemento a través de Open Handset.

Android será un sistema operativo e un conxunto de programas, que poderan ser modificados polo usuario para adaptalos ás súas necesidades e que pode dar prestacións que, segundo Google, "son hoxe inimaxinables". A empresa non deu detalles concretos sobre as prestacións de Android, nin amosou o aspecto que podería ter a súa interface. Prometeu, iso si, que, en cuestión dunha semana, as empresas interesadas en crear aplicacións en Android, terán á súa disposición un kit de desenvolvemento informático (SDK).

Non se venderá ata mediados de 2008
"Para nós, Android e unha parte importante da nosa  estratexia de prover a todo o mundo de acceso á información aló onde estea", engade Rubin. De feito, a entrada de Google na telefonía móbil pode supoñer un pulo enorme para as contas da empresa líder en internet. Pero aínda falta para iso, xa que quen desexe mercar un móbil con tecnoloxía Android terá que agardar ata mediados do 2008.

Android era o nome dunha compañía de software para móbil que foi adquirida por Google no ano 2005, mentres estaba a deseñar un sistema operativo para móbiles. Esta operación so agora revelou a súa verdadeira importancia.

As referencias: Windows Mobile, Symbian ou iPhone
Ó igual que outras poucas empresas como Apple, Google estase a convertir nun 'rei Midas' da tecnoloxía. Non son de estrañar as expectativas xeradas con este novo software, un dos proxectos máis ambiciosos da compañía.

Google limpa o camiño coa ''alianza Android'' pero non terá fácil impoñerse ós seus rivais. Os máis directos son seguramente Symbian e Windows Mobile, sistemas operativos de referencia no mundo da telefonía móbil, presente nun número cada vez maior de terminais. Windows Mobile, que estaba a levar á "pantalla de peto" a hexemonía que o seu irmán maior ten nos ordenadores, pode sufrir un duro golpe. HTC, Motorola e Samsung equipan WM en moitos dos seus aparellos de gama media-alta.

En cambio, o iPhone é máis unha referencia estética e práctica que un rival contra ó que competir en cota de mercado. En primeiro lugar porque a filosofía é completamente diferente, pois Apple aposta polo binomio hardware-software, empaquetarlle ó usuario nun único producto as bondades -e defectos- do "universo mac".

Malia todo, é innegable que a marca da mazá conseguir co iPhone elevar os estándares da usabilidade no móbil e Google debería poder competir contra iso. Non hai dúbida que Android permitirá crear boas e prácticas aplicacións para case calquer teléfono, pero bótase de menos algunha imaxe ou captura de pantalla para ver que pode dar de si e se Apple ten un rival en canto a potencia e, por que non, en canto a glamour.

05/11/2007

4'9 (7 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Confirmase que o 'gPhone' non terá hardware propio (Foto: Xeración)
Confirmase que o 'gPhone' non terá hardware propio (Foto: Xeración)

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso