O ilusionista Juan Tamariz será o encargado de inaugurar esta noite unha nova edición do 'Lugo Máxico', cinco días nos que o auditorio Gustavo Freire estará tomado polo misterio, a maxia, o humor e as cousas imposibles.
Xeración (Santiago).
Despois de cinco anos sen escoitalo, esta noite volverá soar en Lugo o Tatatachán máis famoso do mundo da maxia. Juan Tamariz volverá pronuncialo acompañado polas notas do seu violín imaxinario. O ilusionista será o encargado de inaugurar a nova edición do Lugo Máxico, nunha gala de máis de dúas horas nas que porá en escena a súa 'Magia Potagia'.
Misterio, telepatía, cartas, cousas imposibles e moito humor son os ingredientes deste espectáculo, no que o mago pretende converter ó público en especta-actor. A súa actuación, na que se adiviña o cheo absoluto, como aconteceu na primeira edición deste evento, está prevista para as nove desta noite.
Xornada inaugural
Pero as sorpresas neste Lugo Máxico non sairán só da chisteira de Tamariz. Media hora antes da gala inaugural, o vestíbulo do auditorio municipal será o improvisado escenario no que se represente a 'La Cabeza Misteriosa', unha testa parlante coa que Ana Tamariz e Manu Vera lle darán a benvida ós asistentes a un mundo tomado pola maxia.
O derradeiro acto da xornada inaugural é a apertura dunha mostra fotográfica que, baixo o nome '2003-2007 Unha restrospectiva do Lugo Máxico', fará un percorrido fotográfico pola historia desta 'Semana Internacional da Maxia' dende as súas orixes. Coa mostra ábrese tamén un programa con trinta citas máxicas, nas que participarán máis de vinte magos de prestixio internacional.
Os pratos fortes, na fin de semana
Tralo éxito colleitado na gala do ano pasado, os brasileños Lipan and Company serán desta volta as estrelas da Gala Unipersonal que se celebrará o venres. A súa función, Traspasando barreiras, vén cargada de ilusións: persoas que desaparecen, outras cortadas en pedazos e ata xente que voa.
E para o sábado está programada a Gran Gala Internacional, na que participarán cinco reputados ilusionistas. A actuación máis agardada é a dos ingleses The Pendragons, que volven a España despois de doce anos. Considerados coma os Rolling da maxia, a parella formada por Jonathan e Charlotte Pendragons llega cun espectáculo baseado no asombro, nas grandes ilusións e no 'más difícil todavía'.
Os ingleses serán os encargados de pechar a Gran Gala, pero polo escenario do Gustavo Freire desfilarán outros cinco mestres do ilusionismo. Así, o mago galego Luis Boyano, premio mundial de mentalismo, fará de mestre de cerimonias nunha noite na que actuarán tamén os franceses Erick Lantin e Valérie B, o belga Marc Antoine, o austríaco Otto Wessely e o tamén galo Norbert Ferré, campión mundial de manipulación.
05/11/2007