Xeración (Vigo).
O Celta e o Racing de Ferrol non resolveron no derbi a igualdade que mantiñan na clasificación ligueira. Empataron a un gol, o que deixa máis descontentos ós celestes, dominadores durante a maior parte do encontro.
Porque o Celta comezou mandando no xogo, e asoballando ós verdes, con varias chegadas con perigo á porta de Queco Piña. Pola parte do Ferrol, o perigo chegaba só nas botas de Jonathan Pereira, que conseguiu zafarse dos defensas nun par de ocasións, aínda que sen maiores consecuencias para o marcador.
Os goles chegaron despois do descanso. Primeiro o do Celta obra do chipriota Okkas, tras un bo pase do recén renovado George Lucas. Parecía un xusto premio para os vigueses, que ata o momento traballaran máis a victoria, pero naquel momento o Ferrol saiu do seu letargo.
O Racing devolve o golpe
Os ferroláns só tardaron 8 minutos atopar un furado na portería celeste. O gol visitante foi obra de Charpenet, que rematou un saque de esquina mal defendido polo Celta. O Racing aínda podería terlle dado a volta ó partido se Joselito tivese afinado uns centímetros a puntería, pois no minuto 80 mandou o balón ó pao, despois dunha boa xogada individual, pero finalmente o partido acabou en táboas.
Despois desta xornada, o Celta queda sétimo na clasificación, empatado a puntos co Racing de Ferrol, que ocupa o posto seguinte da táboa.
04/11/2007