Jacobo Rey. AGN.
Case a metade dos galegos que cotizan á Seguridade Social, un total de 529.342 persoas, traballan cunhas condicións laborais pactadas baixo un dos 714 convenio colectivos rexistrados na comunidade. Para a Xunta de Galicia, o número de convenios vixentes resta eficacia á negociación colectiva entre empresarios e sindicatos, tanto pola súa excesiva cantidade como pola "atomización" do ámbito que abarcan.
Así o pon de manifesto un recente informe elaborado polo Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), dependente da Xunta, no que se achegan cifras sobre a mínima presenza de convenios con aplicación en toda a comunidade galega. Dos 714 convenios que existen en Galicia, só 59 acordos -apenas o 9% do total- se aplican en toda a comunidade, ou polo menos en máis dunha provincia.
De feito, a Administración autonómica considera que esta circunstancia provoca un enorme esforzo á hora de levar a cabo as negociacións colectivas, tanto por parte dos empresarios como dos sindicatos. "En Galicia hai unha tendencia disgregadora e atomizadora dá negociación", admite Demetrio Fernández, presidente do CGRL.
Aumentar o ámbito de actuación
Como exemplo, os datos deste organismo indican que máis da metade dos novos convenios asinados ou revisados ao longo de 2006 -un total de 138 acordos- afectan a menos de 50 traballadores, o que da mostra do reducido ámbito de aplicación para o que se confeccionan.
No pasado ano asináronse 193 novos convenios e revisáronse outros 64 acordos. Por esta razón, a súa importancia e influencia segue sendo "excesivamente cativa", recoñece Fernández.
Ademais, dos 714 convenios e acordos reguladores contabilizados en Galicia, 588 se reducían ao ámbito dunha soa empresa, mentres só 126 se enmarcaban nunha actividade determinada.
Conciliación laboral-familiar: "Dato esperanzador"
Segundo se desprende do informe elaborado polo CGRL, os convenios colectivos subscritos en Galicia durante o pasado ano pactaron un incremento salarial ponderado do 3,88%. Esta cifra é superior ao IPC, "pero inferior ao incremento do ano anterior", conclúe Demetrio Fernández.
Con todo, a análise dos convenios asinados ao longo de de 2006 tamén permite obter algún que outro "dato esperanzador". Por exemplo, o 60% dos novos acordos entre empresarios e traballadores recolle cláusulas relacionadas coa conciliación da vida e familiar, un dereito case inexistente na negociación colectiva hai poucos anos, e que permite flexibilizar horarios e acceder a permisos en función das necesidades domésticas.
De igual forma, o 96% dos novos convenios colectivos tamén inclúe as denominadas "cláusulas de melloras sociais", como as axudas para os traballadores que son hospitalizados, que teñen familiares dependentes ao seu cargo, ou que sofren accidentes de traballo. Pola contra, "moi poucos convenios" contemplan plans de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, recalca Demetrio Fernández.
Provincias
Pontevedra é a provincia galega na que permanecen vixentes un maior número de convenios colectivos -262 acordos- dos que 228 afectan a unha única empresa e 34 teñen ámbito sectorial. A segunda provincia con máis presencia da negociación colectiva é A Coruña, cun total de 229 convenios, dos que 195 son de empresa e 34 sectoriais.
No lado oposto, Lugo e Ourense son as provincias cun menor número de acordos xurídicos entre patronal e sindicatos, xa que tamén concentran menos traballadores que as provincias occidentais. Lugo rexistra 86 convenios --63 de empresa e 23 sectoriais-- mentres que Ourense contabiliza 78 acordos, dos que 57 afectan a unha empresa e 21 son de carácter sectorial.
A estas cifras hai que sumarlle os 59 convenios colectivos de ámbito galego, aínda que algúns deles só afecten a dúas provincias. Ademais, as estatísticas do organismo autonómico tamén contabilizan 142 acordos colectivos estatais, que afectan a 108.347 traballadores galegos a pesar de que as súas condicións se asinan fóra da comunidade.
05/11/2007