Xeración/AGN.
O xulgado de instrución número 1 de Santiago, que investigaba o caso das presuntas irregularidades na Cidade da Cultura, decidiu arquivar a causa. A titular do xulgado dictaminou que, pese a aprezarse irregularidades na xestión e execución do proxecto do Gaiás, non son "tan relevantes" como para seren dirimidas no eido penal.
A denuncia contra a execución do proxecto da Cidade da Cultura fora presentada inicialmente ante a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Asinábana a título persoal tres integrantes da CIG: Mar Peteira, Xan Carlos Ansia e Xosé Manuel López Viqueira.
Os denunciantes pedían que se abrise un proceso penal contra os responsables da xestión do proxecto do Gaiás. Baseaban a súa denuncia no informe do Consello de Contas sobre a Fundación da Cidade da Cultura, que segundo aseguran, evidencia as irregularidades que salpican a execución do proxecto.
Tras un primeiro estudo, a Fiscalía do TSXG admitiu a trámite a denuncia, ao enteder que poden existir "indicios de criminalidade" na xestión do proxecto do Gaiás. Daquela, remitiu o caso a un xulgado santiagués para que instruíse a causa e investigara a denuncia en profundidade.
O caso foi rexeitado por dous xulgados de Santiago ata que o nº 1 se fixo cargo do mesmo. Agora, a xuíza dictamina que pese a existiren as irregularidades denunciadas, non son suficientes para iniciar o proceso penal, polo que arquiva o procedemento e remítese ao proceso político aberto na Comisión Parlamentaria.
"Lávanse as mans"
Unha das denunciantes, Mar Peteira, declarou non sentirse sorprendida pola decisión xudicial, posto que "xa fora difícil lograr que a denuncia fora admitida a trámite". Destacou o feito de que dous xulgados rexeitasen instruír o caso por "non quererse mollar no caso".
Peteira criticou que os xuíces "se laven as mans mentres se atraca aos cidadáns a man armada e manden o caso á esfera política". A denunciante cargaba deste xeito contra a Comisión da Cidade da Cultura "porque nas comisións políticas todos sabemos como quedan as cousas". Segundo Mar Peteira, o vindeiro luns a executiva da CIG decidirá se recorren o arquivo da causa xudicial. Contra o dictame do xulgado cabe tamén un recurso da Fiscalía do TSXG.
A plataforma 'Cultura Si, Mausoleo Non, xa se pronunciou en contra deste dictame xudicial, solicitando que a Fiscalía pida a revocación do arquivo da vía penal. A plataforma considera "que existen razoóns penais suficientes para encausar aos responsables políticos que durante o goberno do PP xestionaron o proxecto".
"Estamos ante unha situación do mundo ao revés, onde quen as fai non as paga", apunta o colectivo e lembra que o Gobierno de Fraga xa recibiu o seu 'castigo político' nas urnas. "Parece que os señores Fraga Iribarne e Pérez Varela terán como único castigo o de non estar en primeira fila para inaugurar o mausoleo que hipoteca en centos de millóns de euros os orzamentos de Galicia".
O colectivo pide ademais aa PSdeG e BNG que apoien esta demanda xudicial xa que de non facelo "os traballos e conclusións da Comisión de Investigación serán un simple espectáculo de fogos de artificio sen ningunha trascendencia".
O PPdeG denuncia ''contratos ilegais''
Esta decisión xudicial chega en plena efervescencia da Comisión de Investigación do Gaiás que se está a desenvolver na Cámara galega. Precisamente a vindeira semana produciranse dúas das comparecencias máis agardadas: as do líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, e o ex presidente da Xunta, Manuel Fraga.
Chega ademais o mesmo día no que o PPdeG lle dá unha nova reviravolta aos cruces de acusacións en torno ao Gaiás. O voceiro de cultura dos populares galegos, Ignacio López-Chaves, denuncia que o actual goberno da Xunta nomeou e contratou tres directivos para a Fundación da Cidade da Cultura de xeito pouco claro.
Segundo López-Chaves, os contratos realizáronse ignorando as advertencias da Intervención Xeral -órgano encargado de velar polo cumprimiento da legalidade no tocante a desembolsos económicos das arcas públicas- que advertiu de "irregularidades" en ditos contratos. Engade que tampouco se escoitaron as recomendacións do Consello de Contas na mesma liña.
O PPdeG sinala que os contratos destes tres directivos -dous enxeñeiros superiores e un arquitecto- marcaban salarios anuais de case 45.000 euros no caso dos enxeñeiros e de 82.000 euros no do arquitecto. Asegura que os contratos non se axustan ao regulamento dos postos e alta dirección. López-Chaves calificounos directamente de ilegais e acusou á conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, de asinalos "coñecendo a ilegalidade dos mesmos".
03/11/2007