C.C. AGN (Ferrol).
O Partido Popular presentou nos xulgados un recurso contencioso-administrativo contra a decisión do goberno local de Ferrol de paralizar as obras da praza de España. A medida adóptase dous meses despois de que Partido Socialista e Izquierda Unida decidisen deter os traballos na zona para impedir a construción dun edificio de 21 metros de altura.
O inmoble, que fora proxectado pola anterior coalición de goberno entre Partido Popular e Independentes por Ferrol, foi cualificado no seu día pola Xunta de "ilegal" e xerou un forte rexeitamento social.
O PP xustifica agora a presentación do contencioso ante "as numerosas irregularidades detectadas na tramitación realizada" polo goberno municipal de Ferrol para deter os traballos. Denuncian, ademais, que o acordo plenario do 20 de xullo no que se decidiu a paralización das obras da praza de España "adoece de múltiples vicios de nulidade".
'Irregularidades na paralización'
O concelleiro Manuel Bustabad -que ademais exerce como avogado do PP neste caso- afirma que a convocatoria de comisión de urbanismo previa ao pleno non respectou os prazos estipulados, que non se facilitou copia do expediente ao Partido Popular ou que non se incorporou a ese expediente "o preceptivo e obrigatorio informe da Secretaría Xeral", a pesar de que ese documento foi solicitado por escrito por un terzo dos concelleiros da corporación.
O edil tamén afirma que a administración aínda non contestou ao recurso de reposición que presentaron o pasado 30 de xullo contra o acordo de paralización, cando o recurso tería que ser resolto no prazo dun mes.
Todos estes feitos, segundo Bustabad, constitúen "unha vulneración frontal da normativa procedimental (...) que obrigou á interposición dun contencioso-administrativo pola aplicación da figura do silencio negativo".
'Decisión electoralista'
Pola súa banda, o portavoz adxunto do PP, José Manuel Rei Varela, afirmou que "a decisión de paralizar as obras non obedece a ningunha cuestión de legalidade, senón a un capricho electoralista e partidista fóra de lugar".
Neste sentido, insistiu en que todas as actuacións do anterior goberno municipal na tramitación do proxecto para a praza de España contaron con informes favorables dos técnicos municipais.
Asegurou ademais que ningún partido político recorreu no seu día a modificación de usos do chan da praza e recordou que a consellería de Política Territorial aprobou o pasado 29 de marzo o cambio puntual do plan de urbanismo que tramitou o anterior goberno municipal para o ámbito da praza de España.
03/11/2007