Xeración.
Saen en revistas de moda. Estiveron a piques de mercar un país para posuir un marco legal propio que protexese o libre intercambio de arquivos. E recentemente anunciaron medidas legais contra as grandes industrias do ocio, que se infiltraban nos seus servidores para obter datos dos usuarios de P2P. Agora, os responsables do 'tracker' The Pirate Bay anuncian que van crear un formato propio para substituir sistema de intercambio bittorrent.
A aposta é alta, pois, segundo algúns estudos, máis da metade do tráfico de Internet comeza cun click nun arquivo .torrent. De feito, de aí veñen as preocupacións para Gottfrid Svartholm, Fredrik Neij e Peter Sunde, os adminsitradores deste directorio de arquivos na web. Cren que supón deixar unha importante cota de poder e influencia nun só formato.
A pesar de estar aberto á comunidade, bittorrent é un produto de empresa, e recibe moitas presións das multinacionais da distribución. Recentemente, Bittorrent Inc. tomou a decisión de pechar o código do seu programa para compartir arquivos, e o creador do formato, Bram Cohen negábase a incorporar contidos de desarrolladores independentes a este protocolo de intercambio.
Máis espías
Para os administradores de The Pirate Bay, isto supón que os grandes estudos, distribuidoras de sofware e 'spammers' poidan aproveitar os fallos de seguridade de bittorrent para introducir virus ou mecanismos de identificación de usuarios. Para os suecos, bittorrent non é seguro.
A protección da privacidade será unha prioridade no novo formato, que terá a extensión .p2p. Ademais, o novo protocolo será compatibe con bittorrent, para facilitar o trasvase de usuarios.
Apoios doutros portais
Dende mininova, un dos buscadores de arquivos .torrent máis populares, xa afirmaron que se os seus colegas suecos conseguen un novo formato, eles serán os primeiros en incorporalo.
Polo momento, os creadores de The Pirate Bay buscan 'tripulación' para levar a bo porto o proxecto. Precisan programadores para chegar a unha versión beta a comezos do próximo ano, se as continuas presións da industria non conseguen botar antes pola borda esta iniciativa.
02/11/2007