Datos de interés

  • Venres 03.09.2010

Relevo no SLG

Xurxo Álvarez presenta a súa candidatura para o Sindicato Labrego Galego


Etiquetas: sindicatos, agro, rural

Nair Mesejo. AGN (Santiago).

O candidato á secretaría xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Xurxo Álvarez, enmarcou o nomeamento da aspirante oficial ó cargo, Carmen Freire, nunha tendencia de toma de decisións "de arriba a abaixo" por parte da executiva da organización agraria. Este representante "alternativo" a dirixir o SDG presentou na capital galega os eixos principais da súa proposta e algúns dos militantes e compañeiros que o apoian.

Un dos actuais membros da executiva, Manuel Da Cal, criticou o xeito no que a actual secretaria xeral, Lidia Senra, "comunicou", cando anunciou que non optaría á reelección, quen sería a súa sucesora. "Algo non funciona cando se fan así as cousas", manifestou despois de engadir que esta é unha das cuestións que os "obrigou" a presentar a candidatura.

A distancia entre a directiva da organización agraria e os militantes de base, os agricultores e gandeiros é unha das prioridades para os representantes desta candidatura. "Ten que haber debate, buscar propostas na raíz, nos labregos", manifestou Álvarez.

Deriva no discurso
Este candidato referiuse á deriva producida no discurso do SLG e sinalou a necesidade de defender ó conxunto de explotacións da comunidade e non só as de determinado perfil "agroecolóxico".

Advertiu de que a integración do Sindicato Labrego Galego na organización estatal COAG responde a unha estratexia desta última, da que afirmou que pretende introducirse en Galicia para impoñer a súa política sindical.

"Aceptaremos alianzas con todo o mundo pero de ti a ti", insistiu o candidato e lembrou que as decisións "débense tomar neste país, non dende Madrid", asegurou. Sostén que o Consello Agrario Galego debe ser o mecanismo empregado para debater as políticas agrarias da comunidade.

E tamén aludiu á necesidade de reforzar as alianzas entre os diversos ámbitos do nacionalismo galego. No seu caso, propón unha máis estreita colaboración entre esta organización e a Consellería de Medio Rural, a través da presentación de proxectos e propostas para "desenvolver o agro galego".

Proceso de elección
Polo momento, segue sen confirmarse a presentación da candidatura do representante do SLG en Pontevedra, Mariano Lema, que chegou a plantexarse a semana pasada. Porén, de aquí ó vindeiro 21 de novembro poderán presentarse máis candidaturas nos diversos congresos que se están a celebrar en cada comarca de Galicia.

Estas congregacións en cada rexión realízanse para a elección dos representantes e delegados que trasladarán ó congreso nacional do 24 de novembro a vontade dos militantes de base. Esta cita, celebrarase na capital galega e, por primeira vez en 18 anos, rematará cun novo secretario xeral.

31/10/2007

5'0 (4 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Xurxo Álvarez critica a ''deriva'' no discurso do sindicato (Foto: AGN)
Xurxo Álvarez critica a ''deriva'' no discurso do sindicato (Foto: AGN)

Información relacionada

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso