Datos de interés

  • Sábado 04.07.2009

Macroxuízo

A sentenza do 11-M descarta a implicación de ETA e absolve ó suposto 'cerebro' dos atentados


Etiquetas: ETA, terrorismo, atentado, 11-M, Xustiza

Xeración.

Coa lectura da sentenza do xuízo do 11-M péchase un capítulo de case catro anos. Mesmo se é probable que os recursos acaben chegando incluso ó Tribunal Constitucional, o xuízo clarexa así os principais puntos escuros da planificación e execución do maior atentado da historia de España, algo que non se deu aínda nin en Estados Unidos nin en Inglaterra co 11-S e o 7-J, que tiveron un gran impacto nas medidas de seguridade destes países.

O tribunal composto polos maxistrados Javier Gómez Bermúdez, Alfonso Guevara e Fernando García Nicolás considera probado que a autoría corresponde a unha célula islamita, descartando por completo a implicación de ETA nos atentados.

A sentenza non lle dá "ningunha validez" á declaración de Basel Ghalyoum, que apuntaba á implicación de ETA, desmontando a teoría da conspiración mantida e instigada por diversos medios de comunicación durante estes anos.

As indemnizacións ás vítimas irán dos 30.000 aos 1,5 millóns de euros, dependendo do grao das lesións causadas polo atentado

Principais condenas
As principais condenas recaeron sobre Jamal Zougam e Otman el Gnaoui, que foron considerados autores materiais dos atentados e culpables dos 191 homicidios e outras 1.856 tentativas. A multiplicación das penas fai que recaigan sobre eles máis de 40.000 anos de cadea, máis incluso do que pedía a Fiscalía.

Emilio Súarez Trashorras, o mineiro de Asturias, é declarado "cooperador necesario" no homicidio dos 191 mortos dos trens e do Geo de Leganés,  polo que a súa pena chega a 35.000 anos de cadea. A mesma pena podía recaer sobre Rafa Zouhier, confidente da Garda Civil, pero finalmente serán 10 anos por traficar coa dinamita que explosionaría nos trens.

Mentres, Youssef Belhadj e Hassan El Haski, membros da célula islamista que provocou os atentados, son condenados a 12 e 15 anos por pertenza a organización terrorista.

Absolucións sorpresas
Mentres, non se puido demostrar a participación de Rabei Osman 'O Exipcio', considerado ata agora "autor intelectual" dos atentados, polo que queda absolto. Esta decisión foi acollida con sorpresa polas vítimas.

Outros implicados na chamada 'trama asturiana' que facilitou os explosivos como Antonio Toro ou Emilio Llano Álvarez tamén quedaron absoltos, ó igual que os irmáns Mohamed e Ibrahim Moussaten, imputados como colaborades no atentado.

Luz sobre os 'puntos escuros'
As estruturas sobre as que se sostiña  a chamada teoría da conspiración quedaron hoxe desmontadas. Todos ou a gran maioría dos artefactos usados no atentado estaban compostos con Goma 2 Eco procedente de Mina Conchita. A "cadea de custodia policial" sobre a famosa mochila de Vallecas cargada de explosivos sen detonar non se rompeu en ningún momento, ó que impediu posibles manipulacións.

A Renault Kangoo atopada en Alcalá foi o vehículo no que algúns islamitas se desprazaron ata o piso de Leganés que explosionaría días despois, descartando que o suicidio fose unha montaxe. Tamén bota por terra as reclamacións de nulidade do proceso por irregularidades nas autopsias destes suicidas de Leganés e aclara que o proceso se axusta á legalidade.

¿Fin da Teoría da Conspiración?
A controversia iniciouse horas despois da explosión das bombas nos trens de Madrid, cando comezan a aparecer os primeiros indicios que apuntan ó terrorismo islamita e non a ETA, como sostiveron as principais voces do goberno de Aznar durante dous días.

A contradición estaba lonxe de rematar coas detencións dos presuntos autores materiais, na súa maioría cidadáns de Marrocos residentes en España. Durante meses, diferentes medios de comunicación mantiveron unha liña de investigación que defendía a participación de ETA nalgún grao e puntos escuros durante a instrución do xuíz Juan del Olmo. Nacía a ''teoría da conspiración'' iniciada por xornalistas como Luis del Pino e auspiciada por medios como El Mundo ou a Cope.

Para os promotores desta 'investigación paralela', existen incógnitas que abren posibles variacións e especulacións sobre a “versión oficial” do sumario xudicial.  Durante tres anos, a bola de neve da conspiración foi medrando.  “Ácido bórico”, a “mochila de Vallecas”, a “furgoneta Kangoo”, os explosivos de “Mina Conchita”... fixéronse habituais nas portadas de El Mundo,  Libertad Digital e nos programas da Cope. A trama enredábase cada vez máis nun peculiar “manual do pequeno investigador” que adquiría cada día matices máis surrealistas e enrevesados.

Aínda que os promotores destas teorías sempre negaron publicamente alternativas á autoría islamita, toda a trama dos 'agujeros negros' ía dirixida a desviar a responsabilidade máis alá da célula islamista agora xulgada. ETA, os servizos segredos marroquís, franceses ou israelís e incluso o PSOE como máximo beneficiado dos atentados pola derrota do Partido Popular foron sinalados como posibles “puntos de fuga” da chamada versión oficial. A instrución, e posteriormente o xuízo, foron desmontando as principais hipóteses que suxeitaban o armazón conspiranoico, mesmo se os principais artífices seguen sostendo a existencia de puntos escuros.

Postura do Partido Popular

O PP non respaldou publicamente toda esta teoría paralela pero deixou entrever en numerosas ocasións as súas dúbidas sobre o sumario de instrución. Durante a súa intervención na comisión parlamentaria, José María Aznar declarou estar convencido de que os autores materiais “non andan en desertos moi remotos nin en montañas moi lonxanas”, deixando unha implícita porta aberta a participación de ETA na masacre.

As dúbidas e críticas á acción xudicial por parte do PP foron unha constante durante estes anos, malia que dende o xuízo se deu un punto de inflexión e a investigación do 11-M deixou de ser parte do seu discurso político. Durante meses, as principais caras visibles do Partido Popular como  Ángel Acebes ou Eduardo Zaplana pedían o esclarecemento dos 'puntos escuros'. Malia todo, foi Mariano Rajoy quen chegou máis lonxe ó solicitar a paralización do sumario trala aparición de determinada información no xornal El Mundo que avalaba a 'teoría da conspiración'.

 

 

31/10/2007

5'0 (6 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos


Buscar máis información sobre







Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso