A.C.B. AGN.
Unhas duascentas persoas arrouparon hoxe aos tres veciños da parroquia compostelá do Eixo condenados por unha agresión a un axente policial durante a súa entrada ao centro penal de Teixeiro, en Curtis (A Coruña). Alí permanecerán á espera de que o Consello de Ministros decida se lles outorga ou non o indulto solicitado o pasado día 15 de outubro.
Na dársena de autobuses de Xoán XXIII de Santiago de Compostela concentráronse en apoio dos detidos unhas 500 persoas, das cales 200 viaxarían ata Teixeiro en catro autobuses para "que non se sintan sós". Dous autocares procedentes da parroquia dos arrestados, O Eixo, formaron parte da comitiva.
Condena que tardou nove anos
Deste xeito, quixeron protestar contra o que consideran "unha inxustiza". Os tres veciños foron condenados a penas de sete anos de cárcere e ao pago dunha indemnización de 156.000 euros por unha agresión a un axente policial no transcurso dunha manifestación en 1998, na que se reclamaba seguridade na estrada N-525 na zona de Santa Lucía, en Santiago.
Pola súa parte, o policía ferido durante aquelas protestas, Luis Gómez, quedou incapacitado (segundo o informe médico presentado durante o xuízo) para exercer outra profesión. Os acusados xa fixeron fronte á indemnización, satisfeita en parte polas aportacións dos veciños. Agora, ao non resolverse a petición de indulto, deben cumprir a condena.
Apoio veciñal
Só un dos tres afectados, Simón Márquez, asistiu ata o lugar da concentración, onde emocionado recibiu o aplauso dos veciños, antes de emprender a viaxe cara a Teixeiro nun vehículo particular. Os seus dous compañeiros de condena, Jesús Montoiro e José Moreira, partiron directamente desde os seus domicilios.
O portavoz da Asociación de Veciños do Eixo, José Manuel Bocija, indicou que a manifestación do pasado día 21, á que asistiron unhas 5.000 persoas, valeulles aos detidos para atoparse "máis animados e coa esperanza de volver canto antes". Segundo Bocija, as expectativas de que prospere a petición de indulto aumentan grazas á resposta social.
'Mobilización a deshora'
O pasado xoves, unha representación dos veciños reuniuse co ministro de Xustiza, Mariano Fernández Bermejo, para abordar este asunto. José María Juncal, presidente da Federación do Rural de Santiago (Ferusa), afirmou que a sensación tras este encontro "foi boa", aínda que "non se falou de prazos" e aconsellouse engadir máis elementos á petición de indulto.
As mobilizacións chegan a deshora, xa que o ingreso en prisión era inminente. "Foron moitos fallos, houbo mala defensa xudicial e social, xa que dende o principio había que ter claro ou apoio da cidadanía", espuxo o escritor Suso de Toro, presente na concentración polo encarceramento dos seus "veciños e coñecidos".
"Pensouse que ía ser máis fácil", argumenta María Teresa Barral, do Consello de Relacións Veciñais. Con todo, o movemento veciñal "non rematará aquí", xa que teñen previsto organizar distintos actos mentres dure o encarceramento: "dende encadearnos na praza do Obradoiro, á recollida de cartos para sufragar vos gastos, ou festivais na Sala Nasa e no Auditorio en solidariedade cos condeados". Os veciños estiman un prazo de "un par de meses" de estancia en prisión, durante o cal acompañarase aos presos no réxime de visitas.
30/10/2007