Datos de interés

  • Venres 25.07.2008

Lingua

Defunta


Etiquetas: morte, lingua

Navia Franco.

Amados filla e fillo (non sei se entón seredes algún máis): déixovos por escrito, para que a memoria nos vos falle, como quero eu que me despidades cando o derradeiro respiro leve os meus lamentos para outro lado.

Se os vosos soldos volo permiten, é dicir, se superan o 'mileurismo', desexo que me enterredes nunha tumba e non nun nicho, xa sabedes que fuxo das comunidades de veciños coma do lume; pídovos que enchades o cemiterio de flores de todas as cores e que choredes tanto que os saloucos non deixen oír a quen pronuncie a despedida, se é que alguén se avén a facer ese papel de mantedor civil do acto.

Pero, por riba de todo, quero que a miña lápida estea gravada en galego e, do mesmo xeito, agardo que fagades o esforzo de redactar a necrolóxica (pequena, que para ostentosas xa estarán as flores) na miña lingua, que tamén é a do voso pai e a dos vosos avós pero que, cada ano que facedes, cada curso escolar que superades, vai sendo menos a vosa.

En definitiva, quero ser unha morta reivindicativa: reivindicar nun mesmo acto o voso amor de fillos e a miña lingua. Contradicide as leis dos antropólogos, negade co voso exemplo que os enterros se organizan máis para os vivos que para os mortos e seguide o ditado do poeta Mário de Sá-Carneiro: Que o meu caixâo vá sobre un burro/ Ajaezado à andaluza…/

A um morto nada se recusa,/ E eu quero por força ir de burro! O meu que sexa o MEU enterro, sen burro pero en galego.

Vén isto a conto pola campaña do Concello de Redondela a prol da galeguización do ámbito funerario. Únome a ela en vida agardando perseverar unha vez morta.

31/10/2007

4'6 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso