Xeración/D.P (Santiago).
'Obriga a lei, esíxeo a maioría'. Con este lema, a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) botarase á rúa esta tarde para pedir o peche da planta de Elnosa, afincada en Lourizán.
A plataforma veciñal sostén que a cloreira "ten os días contados". Carece da Autorización Ambiental Integrada (AAI) que precisa para continuar coa súa actividade, e o prazo para a concesión desta remata o 30 de outubro. Polo tanto, legalmente e con esta solicitude presuntamente arquivada pola Xunta, dende hoxe non podería seguir funcionando.
Convencidos de que a saída da empresa da ría será unha oportunidade para a explotación racional do turismo, da pesca e do marisqueo, a APDR fai un chamamento á mobilización cidadá para exercer presión contra a Consellería de Medio Ambiente e poder lograr o seu obxectivo: ver Elnosa fóra das marismas de Lourizán.
A convocatoria conta co apoio do Partido Comunista do Povo Galego, que esixe tamén a desaparición da electroquímica, e de Ence, por entender que son altamente contaminantes.
O futuro de Elnosa, nos tribunais
Mentres tanto, a Xunta apraza calquera decisión sobre a Autorización Ambiental Integrada á fábrica de cloro. Agardan unha sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
A actividade industrial de Elnosa -produción de cloro, sosa cáustica, hidróxeno, ácido clorhídrico e hipoclorito sódico, así coma outros compoñentes químicos- está suxeita á obtención dun permiso escrito, a AAI, tal e como sinala a Lei de prevención e control integrados da contaminación.
Neste documento, que sería outorgado polo Goberno galego, fíxanse as condicións ambientais que se esixen para a explotación das instalacións. Así mesmo, especifícanse os valores límite de emisión de sustancias contaminantes para poder manter a actividade.
Sen autorización, despois de cinco anos
As factorías que, coma Elnosa, estaban en funcionamento no 2002, cando foi aprobada a lexislación que facultaba ás comunidades autónomas á conceder tales autorizacións, dipuñan dun periodo de adaptación para contar coa preceptiva autorización.
Un prazo que remata hoxe. E conclúe tamén o periodo do que dispuña a Consellería de Medio Ambiente para resolver a solicitude do permiso.
Nesta liña, o gabinete de Manuel Vázquez aclarou que a cloreira solicitou a autorización dentro do prazo que lle marcaba a lei, pero que o procedemento para a concesión deste se viu freado pola apertura da vía xudicial.
Un informe negativo, e vinculante
O trámite administrativo foi bloqueado en virtude dun informe negativo emitido dende o Concello de Pontevedra. Un documento vinculante que no seu momento obrigou á Xunta a arquivar o expediente.
Segundo o informe municipal, Medio Ambiente non podería en ningún caso emitir a AAI á cloreira. O argumento esgrimido dende o Concello era que a factoría non acataba a ordenación urbanística actual, así coma as negativas repercusións ambientais na zona. Pero o documento foi obxecto de polo menos tres recursos interpostos por Elnosa contra a Administración local.
Elnosa conta con dous fallos favorables que anulan o informe por consideralo "contrario a dereito", aínda que ámbalas dúas sentenzas foron recorridas ante o TSXG. Ademais, a empresa química non conseguiu a suspensión xudicial do citado acordo municipal.
Medio Ambiente insiste en que non pode continuar co procedemento mentres non exista unha sentenza firme. A denegación da AAI a Elnosa traduciríase nunha orde para o seu peche.
3.000 industrias sen autorización
A aplicación das novas normas sobre contaminación non colleu despistada só á empresa de Lourizán. Ecologistas en Acción denunciou a existencia dunhas 3.000 fábricas que en España non contan aínda coa autorización ambiental que lles permitiría operar.
Segundo denuncia a ONG, as empresas que carecen de tal permiso deben cesar a súa actividade. De non acatar a norma, arríscanse a sancións que poden chegar ós dous millóns de euros en cada caso.
30/10/2007