Datos de interés

  • Xoves 28.08.2008

Comisión de Investigación

Pérez Varela: ''Cada patacón gañado foi traballando arreo''


Etiquetas: Santiago, BNG, PSdeG, PPdeG, Cidade da Cultura

Mónica Sequeiro. AGN (Santiago).

O ex conselleiro de Cultura, Jesús Pérez Varela, rematou a súa comparecencia, unha das máis agardadas na Comisión de investigación sobre o Monte Gaiás, aseverando que ten "as mans limpas" e que cada "patacón" que gañou na súa vida foi "traballando como un desgraciado".

Deste xeito, negaba calquer posibilidade de enriquecemento a costa do seu cargo público e sobre todo relacionado coa obra magna do seu mandato, a Cidade da Cultura, cuxa xestión asegurou que é "impecable". Dixo que neste proxecto "non hai ningunha soa irregularidade porque é practicamente imposible", xa que as súas contas pasaban polo Consello da Xunta e por un grupo de 60 funcionarios de varios departamentos.

"A obra máis vista con lupa"

O ex conselleiro de Cultura defendeu deste xeito a "impecable xestión" do proxecto argumentada no equipo que "traballaban arredor del". Así, aseverou que non hai unha obra "máis vista con lupa que a Cidade da Cultura", porque pasaba o filtro dunha mesa de contratación, "onde se xogaban as súas carreiras" funcionarios do departamento de Cultura, de Economía, de Presidencia, ou os que formaban parte da Fundación.

Por iso advertiu ós grupos políticos de que "non poden poñer en dúbida" a honorabilidade de "60 funcionarios" e engadiu que os reproches que se fan á xestión no informe do Consello de Contas "non teñen ningún fundamento xurídico legal".

Patrimonio de Varela

Ante a insistencia tanto do BNG como do PSdG por coñecer se se enriquecera coa obra, Pérez Varela respondeu que "o meu patrimonio está na declaración da renda", e pasou a enumerar pormenorizadamente outros feitos da súa vida para concluír que o "seu mellor patrimonio" son a súa muller e os fillos.

Manifestou que "eu non son rico" e "non teño ningún capital máis que o de calquer galego, estou cheo de hipotecas e créditos", polo que lle agradeceu ó seu partido, o PP, que o puxera de representante na TVG "onde gaño dabondo para vivir".

Tamén recoñeceu que ten unha "modestísima empresa, onde grazas á xente de fóra de Galicia tiven pingües beneficios", aínda que dixo que non a creou ata oito meses despois de irse do Goberno e non en previsión da súa marcha, como afirmou o portavoz parlamentario do BNG, Carlos Aymerich.

Duro enfrontamento con Aymerich
Pérez Varela e Aymerich protagonizaron na Comisión un duro enfrontamento cando o portavoz parlamentario do BNG expuxo as súas dúbidas sobre a limpeza do proxecto poñendo sobre a mesa unha longa lista de nomes e apelidos de ex cargos do PP a cargo de empresas que foron contratadas para a Cidade da Cultura.

Entre elas, Aymerich citou á compañía Chuvieira S.L, do propio Pérez Varela que "por se acaso, a tiña xa montada" en previsión da súa saída do Goberno. Por iso insistiu en preguntar ó ex conselleiro de Cultura "como se incrementou o seu patrimonio entre que chegou e saíu" dese departamento.

O enfrontamento desencadeouse despois desta intervención, pola que Pérez Varela acusou a Aymerich de "ruindade de corazón" e falla de sentido democrático, ó que o deputado nacionalista respondeu lembrando o pasado do ex titular de Cultura no xornal "El Imparcial", onde apoiou ós golpistas do 23-F e replicando que non pode dar leccións de democracia quen é "un experto na elaboración das listas negras".

284 millóns de euros
Despois dunha exposición inicial, Pérez Varela entrou en materia en resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios e sinalou que "o custo total da Cidade da Cultura é de 284,5 millóns de euros", correspondentes ó orzamento de execución de tódolos edificios, que o Goberno do PPdeG deixou adxudicados.

Varela recoñeceu que despois do concurso de ideas xa sabían que "o custe ía ser superior ó programado", xa que nos 18.000 millóns de pesetas contemplados "non se incluía o IVA nin os honorarios" do arquitecto Peter Eisenmann e do seu equipo. Por iso, o orzamento pasou destes 108 millóns de euros a 132,7 unha vez realizado o proxecto básico.

Ademais, dous meses despois, a empresa Idón, encargada de controlar o proxecto, "di que está mal medido, articulado e vertebrado" e elevan o custe a 160 millóns de euros, segundo explicou Pérez Varela.

29/10/2007

4'5 (4 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Aymerich protagonizou un duro enfrontamento con Varela polo seu patrimonio (Foto: P. Ferrín. AGN)
Aymerich protagonizou un duro enfrontamento con Varela polo seu patrimonio (Foto: P. Ferrín. AGN)

Buscar máis información sobre







Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso