Datos de interés

  • Sábado 04.07.2009

Vitoria na primeira volta

Unha 'pingüina' na Casa Rosada: Cristina Kirchner, presidenta en primeira volta


Etiquetas: eleccións, Cristina Kirchner, Arxentina

Xeración/Axencias.

A senadora Cristina Fernández de Kirchner alzouse coa vitoria en primeira volta nas presidenciais arxentinas. A candidata do partido oficialista 'Frente para la Victoria' sucede así no poder ao seu marido Néstor Kirchner e convértese na primeira presidenta da República Arxentina elixida nas urnas.

Foi unha carreira electoral prácida para Cristina, favorita indiscutible nas sondaxes dende que o pasado mes de xullo o seu marido deixara entrever que sería candidata do 'Frente para la Victoria': "o partido terá o seu candidato cando corresponda, sexa arxentino ou arxentina, pingüin ou pingüina” ('pingüin é o apodo de Néstor Kirchner, polo seu físico e por comezar a súa carreira política na Patagonia).

Ao final cumpríronse todas as sondaxes, e co 96% dos votos escrutados, Cristina Kirchner obtén o 44,8% dos sufraxios. A candidata centro-esquerdista Elisa Carrió, de Coalición Cívica, obtén o respaldo do 22,9% do electorado, mentres que o ex-ministro de economía Roberto Lavagna queda do 16,9% dos sufraxios.

Con estes resultados, a candidata oficialista non precisaría unha segunda volta para converterse en presidenta, ao acadar o mínimo establecido pola Constitución arxentina, dun 40% dos votos cunha diferenza de 10 puntos sobre o segundo contrincante.

O partido no Goberno consegue ademais a maioría na Cámara dos Deputados, onde se renovou a metade dos lexisladores, e conserva a maioría absoluta no senado.

Vitoria anunciada
Tan clara era dende hai meses a vitoria da senadora peronista, que tras coñecérense os primeiros datos do escrutinio, Cristina Kirchner ofreceu unha comparecencia sen agardar aos resultados definitivos para proclamarse gañadora. Arroupada por unha multitude de seguidores, a candidata oficialista declarou que o seu partido "gañou amplamente, tal vez coa maior diferenza entre a primeira e a segunda forza dende a chegada da democracia.

Tamén a candidata de Coalición Cívica, a única que podería ter conseguido o pase a segunda volta con Kirchner, recoñeceu a derrota fronte á súa opoñente. "Felicitámola e recoñecemos a súa vitoria", dixo Elisa Carrió na comparecencia ante os seus partidarios tralas eleccións.

A previsiblidade dos resultados fixo que estas eleccións estivesen marcadas por unha certa apatía do electorado. Arredor de 27 millóns de Arxentinos estaban chamados ás urnas, pero a participación foi baixa pese a que o voto na Arxentina é obrigatorio.

Denuncias de fraude
A xornada electoral transcurriu sen máis incidencias que o retraso na apertura dalgúns colexios electorais nos que tardaron en constituírse as mesas. En Bos Aires, os colexios pecharon ademais unha hora máis tarde do previsto pola alta afluencia de votantes a última hora da tarde.

Os partidos da oposición si que denuncian, en cambio, irregularidades no proceso electoral. Practicamente todo o espectro electoral, menos o gañador Frente para la Victoria, denunciaron a falta de papeletas dalgúns partidos nas mesas de votación, e insinuaron que houbo un claro ''fraude electoral''. Dende o Goberno quítanlle importancia a estas acusacións e cualifican as eleccións de "proceso exemplar".

Herdeira dunha época de bonanza
Cristina Fernández parece ter capitalizado nestes comicios os bos resultados económicos dos últimos catro anos, nos que quedou atrás a crise de 2001 e 2002. O Goberno de Néstor Kirchner estivo marcado por un perfil industrialista, taxas de cambio altas para as exportacións e alza no Produto Interior Bruto, que subiu arredor dun 9% anual.

Con todo, a nova presidenta deberá enfrontarse no seu mandato a unha elevada inflación, de arredor do 15%, á debilidade dos investimentos e a unhas cifras de emprego que, sendo boas, non reflicten as duras condicións de traballo dos cidadáns, que protestan polas xornadas maratonianas e os baixos salarios.

Seis anos despois do 'corralito', Arxentina aínda vive momentos de incertidume. Os cidadáns non esquecen os días nos que se botaron ás rúas indignados pola situación económica e son moitos os que aínda non recuperaron os seus aforros. Os logros económicos e sociais dos últimos anos non parecen despexar de todo as sombras da crise e do medo a que a relativas estabilidade actual sexa pasaxeira.

29/10/2007

4'4 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Cristina de Kirchner emitiu o seu voto en Río Gallegos (Foto: cristina.com.ar)
Cristina de Kirchner emitiu o seu voto en Río Gallegos (Foto: cristina.com.ar)
Cristina Kirchner no peche da campaña (Foto: cristina.com.ar)
Cristina Kirchner no peche da campaña (Foto: cristina.com.ar)

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso