A. Espiño. AGN/Xeración.
Antes do vindeiro mércores 31, previsiblemente o martes, o concello de Poio ten que derrubar as sete chabolas que permanecen en pé no poboado xitano do Vao. O pasado venres, xa foron demolidas dúas destas vivendas.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, apura os prazos para reubicar as familias afectadas antes de cumprir co mandato xudicial. Parece que a solución provisional será que sexan temporalmente acollidas por outras familias xitanas do mesmo poboado, pero as parroquias pontevedresas do entorno non deixan de amosar o seu rexeitamento ante a posibilidade que as persoas desaloxadas do Vao se instalen na súa veciñanza.
Primeiro foi Vilarchán, en Pontecaldelas, onde os veciños ata se hipotecaron para mercar unha casa que pretendía adquirir unha familia xitana. Logo varios núcleos de Poio, como Combarro ou Campelo, rexeitaron a posibilidade de que as familias do Vao se asentasen alí. E agora tocoulle o turno a Lérez. Non porque teñan constancia de que algún dos habitantes do poboado xitano pretenda instalarse na parroquia, senón por se acaso.
Mobilización veciñal
Esta mañá, os veciños de Lérez realizaron unha concentración de protesta ante o posible traslado a esta zona dalgunha das familias do Vao, ás que acusaron de adicarse ao 'trapicheo' de drogas. A mobilización fíxose co lema 'Non queremos outro Vao en Lérez, non aos trapicheos'.
Os veciños desbotan que detrás mobilización haxa motivos racistas. Aseguran que non rexeitan aos veciños do Vao por seren xitanos, "senón polo que traen consigo e ao que se dedican. Non queremos trapicheo diante das nosas casas, xa que todos sabemos que non venden caramelos, senón drogas", declarou un voceiro dos veciños. "Queremos que os que teñan a tentación de vender droga saiban que a parroquia non os quere", engadiu.
A decisión desta mobilización ante o Centro de Saúde de Lérez decidiuse o venres, nunha asemblea á que acudiron preto de 200 persoas. Os veciños desta parroquia pontevedresa pretenden lograr o respaldo do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ás dúas demandas.
Así, declaran que solicitarán unha entrevista co rexedor para trasladarlle a preocupación existente en Lérez ante a posibilidade da chegada das familias xitanas desaloxadas no Vao. Segundo o colectivo veciñal, esta circunstancia "fará que se mobilicen outras parroquias, como Alba, Campañó ou Xeve, xa que o alcalde de Poio pasoulle a pataca quente a Pontevedra ao ordenar o derrubo sen ter previsto o realoxo en casas do propio concello".
28/10/2007