Datos de interés

  • Xoves 18.03.2010

Crise da ultradereita francesa

Le Pen afunde co barco


Etiquetas: Francia, Le Pen, ultradereita

Juan Castro.

Tempos de crise para o 'Front National' e o seu histórico dirixente, Jean Marie Le Pen. Malia o momento álxido e de repercusión internacional, cando conseguiu meterse na segunda volta das presidenciais no 2002, a mala situación das finanzas do partido foi unha constante.

En certo modo, aquel 'empacho de éxito' foi un dos desencadeantes da fame actual. Ver ó líder da ultradereita no último chanzo para chegar ó Elíseo espantou ó 'establishment político' que ata ese momento fora bastante permisivo co FN. Dende entón, os apoios institucionais reducíronse substancialmente.

Por outro lado, a herdanza daquela traxedia política non quedou baixo a alfombra tricolor. Nicolas Sarkozy soubo aproveitar a situación e canibalizou parte do discurso do Le Pen. Non as formas rudas e toscas, por suposto, pero si a axitación da bandeira da inseguridade, o paro, a inmigración e a bancarrota do estado do benestar. Ponte de ouro para Sarkozy cara o Elíseo. Miseria para o vello tótem octoxenario.

Nas últimas presidenciais logra a duras penas as 500 sinaturas necesarias para presentarse e consegue despois o peor resultado en décadas, 300 candidatos ás lexislativas quedan por debaixo do 5% -necesario para recibir reembolso dos gastos de campaña- e ó día seguinte anúnciase unha campaña masiva de subscrición para tentar frear a sangría económica. A fortuna persoal de Le Pen, de orixe escura e case surrealista, non serve de amortiguador.

Cambiar de barco...
Agora, a crise ameaza con afundir o seu buque insignia, o 'Paquebot',  a enorme sede central do FN  sobre o que flota a bandeira tricolor dende os seus tempos gloriosos, apenas uns anos, pero que semellan unha eternidade. A nave -5.000 metros cadrados de oficinas- podería deixar pronto o seu porto de atraque e alixeirar as débedas do partido que andan preto dos 10 millóns de euros.

Non é a primeira vez que o ladrillo soa como posible salvador de Le Pen. Xa en xuño se falara de poñer á venda a maioría dos locais en propiedade, pero ata o de agora nunca se mencionara o 'Paquebot', con gran valor sentimental, mesmo se o material tampouco se queda curto.

Non se trata de minucias: a sede podería estar valorada nuns 20 millóns de euros, catro veces máis do que custou en 1994. Unhas plusvalías que ben poderían garantir asumir con certa seguridade a campaña das municipais do 2008, onde o FN se xoga a súa última baza, o poder local nos enclaves do sur, porto de refuxio para a ultradereita francesa  durante os peores temporais. 

... E de capitán?
O tren da gloria parece ter pasado definitivamente para o vello líder herdeiro das ideas de Vichy, pero non para o seu apelido. A súa filla Marine está preparada para coller o timón do barco no congreso do 2010 que seguramente poña fin á vida política de Jean Marie Le Pen.

Nepotismos á marxe, Marine, de 39 anos, foi devorando todos os posibles rivais na carreira sucesoria, á imaxe do que fixo o seu pai en 1992, cando forzou a saída do partido do seu eterno delfín Bruno Mégrèt e da súa filla maior Jeanne por pretender facerlle sombra. Un auténtico Saturno devorador da proxenie.

Mesmo se non para de repetir que 2010 queda lonxe, a 'unxida' parece ter as ideas claras. Nunha recente entrevista, Marine afirmaba que “a nosa responsabilidade inmediata é reflotar o FN no plano financeiro. Despois do Congreso, as grandes manobras serán loitar no terreo e nas trincheiras: recrutar, formar, implantar”.

Queda por saber se dentro de 3 anos quedará aínda barco ou Sarkozy e as débedas terán canibalizado toda a tripulación. 

28/10/2007

5'0 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

O  'Paquebot' histórica sede do Front National valorada en 20 millóns de euros (foto: Frontnational.com)
O 'Paquebot' histórica sede do Front National valorada en 20 millóns de euros (foto: Frontnational.com)
Marine Le Pen aspira a relevar ó seu pai no 2010 (Foto: frontnational.com)
Marine Le Pen aspira a relevar ó seu pai no 2010 (Foto: frontnational.com)

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso