AGN.
Arxentina prepárase para elixir este domingo o seu próximo presidente. Presidenta se non ocorre unha hecatombe estatística que demostre a inutilidade de todas e cada unha das sondaxes que dan a Cristina Fernández de Kirchner como incontestable sucesora do seu marido en primeira volta. En Vigo, no consulado da república austral, todo previsto para que os arxentinos que se atopan fóra da súa terra poidan votar.
Pero só un 4% dos inscritos nesta oficina consular poderán exercer o seu dereito ao voto, xa que o resto non se rexistraron no censo electoral, cuestión indispensable para os cidadáns arxentinos que se atopen fóra do seu país. Segundo Georgina Bortolotto, cónsul arxentina en Vigo, son 429 persoas do total de 10.280 cidadáns dos que ten constancia este centro.
Malia isto, o 96% restante terá que xustificar imposibilidade de votar, pois o sufraxio, a diferenza do que ocorre en España, si é obrigatorio. O prazo para inscribirse no rexistro de electores finalizou o pasado 30 de xuño.
30.000 arxentinos aquí, 70.000 electores galegos, alá
Este consulado non só abarca as catro provincias galegas, senón tamén Asturias, León e Zamora. “Pode haber facilmente uns 30.000 arxentinos”, afirma Bortolotto mesmo se a oficina ten constancia dun número moi inferior. O de Vigo súmase ós de Barcelona, Madrid, Cádiz e Canarias, que que abriu recentemente.
As eleccións presidenciais da Arxentina tamén contarán con participación galega, dada a inmensa comunidade de emigrantes que hai neste país. Aínda que o Censo de Residentess no Exterior (CERE) ten rexistrados 115.377 para votar nas eleccións en España, calcúlase que menos de 70.000 contan coa dobre nacionalidade, e polo tanto poden exercer o seu dereito ao voto no país de acollida.
En todo caso, a pesar de que o voto é obrigatorio, non se espera unha alta participación da comunidade galega, polo que a súa papeleta podería ir en branco en moitos dos casos. A profunda crise desencantou á poboación, e tampouco anima a votar a escasa tensión que se respira, consecuencia dunhas sondaxes tan claras a favor da candidata oficialista.
"Prefiro votar en Galicia"
Os galegos que votarán en Arxentina son na súa maioría fillos e netos de emigrantes nacidos alí, galegos de segunda e terceira xeración, pois a primeira non adoita nacionalizarse.
Este é o caso do presidente da Unión de Asociacións Galegas da República Arxentina, José Luís Sangiao que conserva a nacionalidade española sen adoptar nunca a arxentina. “Eu non voto, prefiro facelo en Galicia”.
Aínda que as enquisas dan como virtual gañadora á senadora Kirchner, Sangiao apunta a posibilidade de que haxa sorpresas e teña que celebrarse unha segunda volta. En todo caso, di que "este Goberno non fixo tan mal as cousas" e conseguiu saír da crise económica de hai uns anos, polo que tamén foi bo para a colectividade galega que vive no país.
Sobre a perspectiva que representaría a anunciada vitoria de Cristina Fernández para os galegos en Arxentina indica que é "imprevisible" porque neste país non existe unha política de Estado inamovible ante os cambios de Goberno e "dun presidente a outro non hai continuidade".
28/10/2007