AGN (Santiago).
Os membros do Comité Cidadán de Emerxencia denunciaron que o anterior Goberno da Xunta, presidido por Manuel Fraga, escolleu a ubicación da planta de gas de Mugardos para propiciar "un pelotazo urbanístico". Os responsables deste colectivo aseguran que o principal promotor da factoría, Roberto Tojeiro, gañou nun mes máis de 700 millóns das antigas pesetas coa venda dunha finca de Forestal do Atlántico a Reganosa, outra das súas compañías.
A data da venda coincide coa data de ampliación de capital de Reganosa e a integración no seu accionariado da Xunta e outras entidades.
Segundo o escrito presentado na Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Forestal do Atlántico inscribiu esa parcela en febreiro do ano 2001 no Rexistro da Propiedade de Pontedeume cun valor de 47 millóns e medio de pesetas. Só un mes despois, a finca vendeuse a Reganosa por un importe de 770 millóns.
Ademais, o Comité denuncia que a "enorme plusvalía" obedece ó elevado prezo pactado polo "Grupo de Traballo da Asociación de Promotores para o desenvolvemento da Planta de Gas en Galicia". Este organismo estaba presidido por José Antonio Orza, conselleiro de Economía do Goberno de Fraga e á vez socio accionarial de Roberto Tojeiro a través de Forestal do Atlántico.
Investigar os feitos
Os opositores á planta de gas conclúen que Orza escollía a ubicación da planta, fixaba os prezos, pagaba con fondos públicos os terreos e recibía "a través de Forestal do Atlántico os beneficios que se xeraban, para o seu propio interese particular".
Ante esta situación, os membros do Comité de Emerxencia esixiron ó actual goberno da Xunta que "non sexa tan inmoral como o anterior", que investigue os feitos como sucede coa Cidade da Cultura e que actúe canto antes para evitar "un fraude monstruoso".
A denuncia tamén será remitida ó ministro de Industria para que controle que a amortización "dos investimentos inflados" por Reganosa non implique un aumento no prezo do gas.
Negación de Reganosa
A compañía Reganosa asegurou que é "unha falsidade" que se producise en 2001 un "pelotazo" durante a compra dos terreos nos que actualmente se sitúa a regasificadora.
A compañía insiste en que o prezo pagado polos terreos foi unha cantidade "razoable". Reganosa aboou 58 euros por metro cadrado, xa que a propiedade tiña unha extensión de máis de 75.800 metros cadrados, o que sitúa o valor dos terreos en 4,3 millóns de euros.
Reganosa lembra que no intre de mercar os terreos, xa se construíra un peirao "no que atracan na actualidade metaneiros". Ademais, tamén se efectuaran diversos traballos de acondicionamento do terreo, o que demostra que o propietario dos terreos efectuou un investimento superior ó custe dos terreos antes da súa venda.
26/10/2007