Datos de interés

  • Venres 21.11.2008

O maior descenso do Estado

O paro baixa en 10.400 persoas en Galicia, o maior descenso do Estado


Etiquetas: paro, traballo

Jacobo Rey. AGN.

Galicia liderou o paro durante o terceiro trimestre do ano ó rexistrar un descenso de 10.400 desempregados respecto ó mes de xuño, o que a sitúa como a rexión onde máis se reduciu o paro en comparación co segundo trimestre en términos absolutos, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Segundo estes datos, Galicia conta ó término do mes de setembro cun total de 87.500 persoas que buscan emprego, ó tempo que a taxa de paro na comunidade galega caeu ó 6,7%. Ademais de situarse por debaixo da media estatal (8,03%), trátase da taxa de desemprego máis baixa dende o cuarto trimestre de 1981, segundo indicou o conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio.

Maior descenso absoluto

No período xullo-setembro, Galicia foi a comunidade na que máis se reduciu o desemprego en cifras absolutas (-10.400 parados), por diante de Asturias (-8.500) ou Castela- A Mancha (-6.600).

En términos porcentuais, a comunidade galega foi a quinta na que máis descendeu o número de persoas que procuran emprego (-10,6%), despois de Asturias (-19,9%), Baleares (-18,2%), Navarra (-17,5%) e Cantabria, onde a caída foi do -11,2%. No conxunto de España, o paro medrou no terceiro trimestre do ano nun 1,8% ó contabilizar 31.900 parados máis que en xuño.

En canto ó nivel de ocupación, os datos da EPA sinalan que Galicia conta cun total de 1.215.100 persoas ocupadas, o que representa un incremento de máis de 100.000 persoas respecto ó segundo trimestre de 2005, cando se produciu o cambio de Goberno na Xunta.

Dos 87.500 parados que se contabilizan en Galicia ó término do terceiro trimestre, 46.000 son mulleres e 41.500 son homes. Con todo, a taxa de paro masculina (5,76%) segue estando afastada do índice de desemprego feminino, que se situou en Galicia no 7,91%.

Por provincias
A nivel provincial, a enquisa elaborada polo INE coloca a Pontevedra como a provincia galega con maior taxa de desemprego (7,6%), seguida da Coruña (6,8%), Ourense (5,6%) e Lugo, onde o índice de paro caeu ata o 4,8%.

En todo caso, as dúas provincias occidentais seguen sendo as que aglutinan un maior número de persoas en situación de desemprego, xa que A Coruña e Pontevedra contabilizan 36.900 e 35.300 parados, respectivamente. Pola súa parte, Ourense rexistra 8.200 desempregados e Lugo consolídase como a provincia galega con menos parados, ó contabilizar 7.100 persoas nesta situación.

26/10/2007

4'7 (3 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos


Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso