Datos de interés

  • Xoves 28.08.2008

Paradoxos

¿Como cubrir as urxencias sen saltar os semáforos?


Etiquetas: saúde, tráfico

Ana Conde. AGN.

Da rapidez coa que as ambulancias acoden ás urxencias sanitarias para prestar unha primeira asistencia médica ou coa que evacúan un enfermo ao hospital depende a diario a vida de moitas persoas. Isto sábeo ata un neno pequeno. Agora ben... ¿que tempos de resposta tería este servizo de urxencias se os condutores tivesen que respectar os límites de velocidade nas estradas?

Este paradoxal debate púxoo sobre a mesa a Asociación de Técnicos de Emerxencias de Galicia (Atesga), cuxo portavoz, Óscar Graña, cualificou de “auténtica burla” as multas impostas por Tráfico polo exceso de velocidade das ambulancias.

Os radares non distinguen de urxencias
Os vehículos son detectados por radares fixos, que non discriminan entre diferentes tipos de automóbiles, aínda que os condutores reclaman unha vez se demostra que a multa foi interposta cando realizaban un servizo de urxencia.

“Esta debería desestimarse de inmediato”, cousa que non está a suceder, polo menos en Pontevedra, provincia que máis acusa esta situación. O colectivo denuncia que é unha situación insostible, dado que as multas as teñen que pagar os propios técnicos, que ademais ven en xogo o seu traballo debido á consecuente retirada de puntos do carné.

Por iso, ameazan con denunciar aos responsables da DGT cada vez que reciban unha multa ratificada, para que sexa ante un xuíz onde teñan que explicar por que sosteñen as sancións. Tamén pensaron nunha folga de celo, dedicándose a cubrir nun día as emerxencias médicas respectando os sinais e os límites, pero finalmente quedou descartada esta opción, xa que lles dixeron que os sancionarían por un “uso indebido dos sinais de emerxencia do vehículo”, indicaron desde o colectivo.

Á procura dunha solución
A queixa dos técnicos produciuse nunha xornada na que precisamente a directora do 061, María Cegarra, se reuniu con altos cargos de Tráfico para abordar esta problemática, segundo confirmaron fontes do servizo.

E é que ata os propios axentes consideran “unha aberración” que se sancione a estes condutores no exercicio do seu labor. Sosteno Manuel Mato, secretario xeral da Asociación de Gardas Civís de Galicia, que o ve "igual de ilóxico que se se multase aos Bombeiros ou á Policía nunha persecución”.

Ao seu xuízo, isto reafirma o afán recadatorio dos radares, porque “¿como se pode esixir unha rápida evacuación dun ferido respectando os sinais das estradas?”, preguntan desde o colectivo.

26/10/2007

4'7 (6 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Concentración dos traballadores das ambulancias, o pasado mes de agosto, para reclamar melloras laborais (Otto. AGN)
Concentración dos traballadores das ambulancias, o pasado mes de agosto, para reclamar melloras laborais (Otto. AGN)

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso