Jorge González.
O Ártico está de moda. Mentres Canadá compra a toda présa buques de guerra para defender novos pasos marítimos creados polo aumento da temperatura no planeta, Rusia planta unha bandeira de titanio no fondo mariño do Polo Norte. As potencias rexionais (que ademais son algunhas das máis poderosas do mundo) apresúranse para repartirse os últimos anacos do pastel planetario que aínda estaban deixadas da man dalgún Estado.
Estes acontecementos non son unha anécdota para os galegos que traballan nos bacallaeiros. A flota galega xa ten sofrido estes movementos xeopolíticos. Entre 2005 e 2006, cinco barcos galegos foron apresados por patrulleiras norueguesas en augas das illas Svalbard e acusados de pesca ilegal. En anos anteriores repetíranse situacións similares. E é que fai tempo que os recursos naturais destas illas situadas no Círculo Polar Ártico son obxecto de desexo e controversia.
As Svalbard constitúen un arquipélago cunha superficie de 62.000 kilómetros cadrados (algo máis do dobre de Galicia), situado a medio camiño entre o extremo setentrional de Noruega e o Polo Norte. Ate comezos do século pasado, este territorio tiña o réxime de terra nullius, isto é, a súa soberanía non correspondía a ningún Estado. Todos eles podían explotar os seus recursos e colonizar a terra libremente. O primeiro en chamar a atención, ademáis da pesca, foi o carbón.
Para solucionar os problemas prácticos e manter a orde entre as poboacións que alí se estableceran, firmouse o Tratado París en 1920, polo cal se establecía a soberanía norueguesa sobre o territorio, agás nos casos estipulados polo propio acordo. Máis polo miúdo mantíñase o dereito dos países firmantes, entre os que se encontraba España, a explotar os recursos xurisdicionais, vivos e non vivos, das Svalbard. Aínda que non se falaba do mar, as leis internacionais recoñecen a existencia automática de augas territoriais. En 1920 Noruega reclamou 4 millas, que se ampliaron en 2003 ata doce, seguindo unha tendencia xeral na ampliación das xuridiscións estatais sobre os océanos.
O problema xorde cando na segunda metade do século XX se crean novas normas para establecer as áreas marítimas que quedan baixo o control dos Estados. Estes adquiren dereitos sobre as plataformas continentais, definidas como os fondos mariños adxacentes ás liñas de costa e cunha profundidade media de 200 metros, nas que existen importantes cantidades de recursos por explotar, como pesca ou combustibles, e que poden estenderse varios centos de kilómetros.
Noruega, atendendo máis á letra que ao espírito do Tratado de París, intenta reclamar as competencias exclusivas sobre a plataforma continental das Svalbard (xa que defende que é unha prolongación da da península escandinava), para non ter que competir con Rusia e con compañías doutras potencias por estas materias primas. O segundo artigo do Tratado de París confírelle competencias ao país nórdico para regular o aproveitamento destes recursos co obxectivo de conservar a flora e a fauna das Svalbard. E as autoridades norueguesas excúsanse neste artigo á hora de hostigar aos buques galegos e rusos que faenan nas Svalbard. Hai quen apunta a relación entre este endurecemento da posición norueguesa coa necesidade de acadar unha posición forte para aumentar os réditos procedentes dos recursos aínda por explotar.
O cadro complétase cun Estado Español cliente do gas noruegués, o que debilita a súa posición negociadora no conflito pesqueiro. Os próximos anos prométense de infarto para os amantes da alta diplomacia, xa que de seguro o Ártico dará moito xogo. Os problemas serán para a flota galega, que non ten as cartas ao seu favor.
26/10/2007