Datos de interés

  • Sábado 17.05.2008

Compra o 1'6% por 240 millóns de dólares

Microsoft xa ten anaco da 'tarta' de Facebook


Etiquetas: internet, Microsoft, tecnoloxía

Xeración (Santiago).

Microsoft chegou a un acordo para investir 240 millóns de dólares en Facebook, a outra gran 'web' de relacións sociais de Internet, xunto con MySpace. Deste xeito, o xigante informático adquire unha participación do 1,6% na popular rede social, que se valora así en 15.000 millóns de dólares pero entra de cheo nunha das noivas máis desexadas da web 2.0.

Despois de que outros grandes da Rede, como Google e Yahoo (que chegou a ofrecer unha oferta de compra de 1.000 millóns de dólares) lle fixesen as beiras, Facebook decidiuse por Microsoft, fortalecendo unha "alianza estratéxica" entre ambas empresas. Este trato amplía o acordo de márketing anterior para explotar a publicidade na coñecida web, por 75 millóns de dólares ó ano e que expiraba no ano 2011.

A loita pola publicidade
Precisamente o apartado dos anuncios on-line é o que sae reforzado neste trato, a través dunha maior colaboración entre ambas partes. Facebook ofrece un verdadeiro espazo a explotar para Microsoft, ó contar con 50 millóns de usuarios en todo o mundo.

O investimento en Facebook supón un grande avance para o maior fabricante de software do mundo, xa que lle proporciona unha presenza clave nunha das plataformas máis atractivas en Internet e un foro potencialmente lucrativo para vender anuncios.

O sitio web é empregado maioritariamente por mozos universitarios ou que remataron recentemente os seus estudos, o que supón un target moi saboroso para o mercado publicitario: aqueles que nun futuro (e en principio) estarán en postos de poder e terán máis responsabilidades.

Deste xeito, Microsoft tamén podería comezar a facer fronte ó seu grande competidor, o buscador Google, que ten ata o momento o dominio absoluto da 'tarta publicitaria' na rede. O pasado ano fiscal ingresou un total de 13.300 millóns de dólares grazas ós seus anuncios on-line.

Expansión de Facebook
Facebook naceu en 2004 da man de Mark Zukerberg, un estudante da Universidade de Harvard, e nun principio estaba reservado ao colectivo universitario. Posteriormente abriuse a todo o mundo e dende entón experimentou un crecemento que sorprendeu ata aos que xa estaban acostumados a este tipo de fenómenos, despois de casos como os de YouTube. Calcúlase que o seu crecemento en usuarios ronda o 3% á semana.

Pola súa parte, Zukerberg tamén ten un obxectivo en mente á hora de decidirse pola oferta millonaria da empresa de Bill Gates: os seus plans de expansión máis aló do mercado anglosaxón.

Os expertos apuntan a que os cartos aportados polo xigante informático permitiranlle lanzar versións do seu sitio web noutros idiomas, como o español, e aumentar de xeito exponencial o seu número de usuarios. No horizonte das ambicións de Zukerberg tamén se atopa a saída a bolsa, aínda que asegurou en numerosas ocasións que non o levará a cabo antes de 2009.

Deste xeito establécese entre ambas empresas unha importante relación de feed-back, xa que a medida que Facebook expanda a súa presenza fóra de EEUU, Microsoft tamén chegará a novos nichos publicitarios.

Novos pero sobradamente preparados
Facebook é unha das múltiples empresas creadas na última década, por mozos que non superan a trintena pero que a través dunha idea orixinal conseguiron un grande éxito na Rede e bos contratos con compañías punteiras no sector das novas tecnoloxías.

Sen dúbida o caso máis coñecido é o de Google, que cumprirá dez anos en 2008. Larry Page e Sergey Brin fundárona con 24 e 23 anos respectivamente. En abril converteuse oficialmente na marca máis valiosa do mundo, alcanzando a suma dos 66.000 millóns de dólares.

Precisamente foi Google quen adquiriu a famosa páxina de vídeos YouTube en 2006 pola nada desprezable cifra de 1.650 millóns de dólares. Conseguiu este trato nun espazo de tempo récord: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim creárana só un ano antes, sen cumprir os trinta.

Wordpress, un dos máis populares software para blogs foi desenvolvido por Matt Mullenweg antes de cumprir os vinte, no ano 2003.

26/10/2007

5'0 (4 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

O dono de Facebook, Mark Zukerberg pretende saír a Bolsa
O dono de Facebook, Mark Zukerberg pretende saír a Bolsa

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso