AGN (Santiago).
A Sala do Penal do Tribunal Supremo acordou sobreseer as actuacións seguidas contra o ex presidente da Deputación Provincial de Lugo e senador, Francisco Cacharro, por malversación de caudais públicos e falsidade documental.
O maxistrado instrutor da causa especial aberta contra Cacharro pola súa condición de aforado considera que os feitos denunciados no seu día polo fiscal sobre o suposto abono ilegal de dietas ós vicepresidentes provinciais e a algúns deputados do PP non son constitutivos de delito.
Auto do Supremo
O auto do Supremo destaca, en primeiro lugar, que Cacharro Pardo "non cobrou en modo algún, de xeito persoal, ningún tipo de dieta ou calquer indemnización por razón do servizo, senón que se lle acusa exclusivamente por unha sorte de falla de control no pago" das devanditas dietas.
A continuación, a resolución xudicial explica que, despois de tomarse declaración ás secretarias particulares dos deputados citados e ós condutores e resto de funcionarios do parque móbil da Deputación, determinouse que a cuestión xira en torno á modificación, no ano 2001, do sistema de retribucións comprendido na Lei de Bases de Réxime Local.
O auto do TS precisa que, en todo caso, o interventor da Deputación, José Ferreiro, ratificou na súa declaración xudicial que outorgara o visto bo a esas dietas, e indicou que esa modificación legal foi a que motivou o acordo plenario de 2001 ó que se acolleu o abono desas cantidades.
O instrutor da Sala do Penal lembra que o informe do Consello de Contas sobre a posible irregularidade deses pagos non se produciu ata 2004, "fóra xa do tempo dos feitos denunciados, que se remontan ós anos 1999 ó 2003".
Declaración no Tribunal Supremo
A querela fora formulada polo anterior fiscal xefe da Audiencia Provincial de Lugo, Jesús María Izaguirre, por considerar que o entón presidente da Deputación dispuxera o pago de dietas ós vicepresidentes da corporación Juan Carlos Rodríguez Andina, Julio Álvarez Núñez e Antonio Muiña, ex alcalde de Ribadeo e rexedores de Quiroga e Friol, respectivamente, o ex deputado Luis Rego, ex alcalde de Mondoñedo e á deputada Fe Rodríguez, ex rexedora de Lourenzá.
O presidente da deputación de Lugo pedira prestar declaración fronte o Tribunal Supremo por vontade propia. Afirmara entón que as acusacións "non teñen fundamento", xa que cantidades que se abonaron nunca foron fixas.
"Todo era unha falacia"
Cacharro Pardo afirmou que a declaración do Tribunal Supremo de arquivar a querela contra el "é un duro golpe" para o anterior fiscal xefe, Jesús María Izaguirre e "os que estaban detrás", porque "nunca souberon xogar limpo en político".
"Ó final, co paso do tempo, demostrouse que todo era unha falacia e que a Fiscalía actuaba, non sei se a instancias ou para compracer a alguén, sen ningún tipo de fundamento", afirmou o senador Popular.
Na súa opinión, o fiscal conseguiu precisamente o que buscaba, "facer dano", porque "os que nunca puideron gañar as eleccións, intentaron por procedementos espúreos" eliminar ó seu rival político. Ademais destacou que a Izaguirre "xa non lle importa" o auto do Supremo, porque antes "puxo terra por medio".
25/10/2007