Laura Grandal. AGN (Santiago).
A Comisión de Investigación sobre a Cidade da Cultura tratou, nunha nova reunión, de atopar unha xustificación a un documento firmado en 2000, no que se elevaban os honorarios de Eisenman nove meses despois de que tivese gañado o concurso de ideas e saber os motivos polos que o anterior Goberno, xa en funcións, adxudicou e licitou proxectos que estaban realizados dende había varios meses.
Emilio Álvarez Rey, ex secretario xeral e de Patrimonio da Consellería de Economía, explicou que é "nulo" un documento firmado entre el, Eisenman e Ángel Sicart (director xeral de Patrimonio), que elevaba a 22.000 millóns de pesetas os honorarios de Eisenman, pese a que nas bases establecíanse 18.000 millóns de pesetas. Entre outras cousas, sinalou, porque "toda obra cun importe maior ós 3 millóns de euros ten que ser autorizada polo Consello da Xunta".
"Sen valor contractual"
O que tamén se referiu a isto foi Andrés González Murga, ex secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, vocal do Padroado da Fundación e secretario, con voz e sen voto, do xurado do concurso de ideas a nivel de anteproxectos.
Sobre este asunto, Murga asegurou que ese documento era "só unha declaración de intencións que non ten valor contractual" e alegou que o orzamento do concurso era "aproximado". Asimesmo, sinalou que Eisenman non tivera en conta o sistema fiscal, polo que había que sumar un 16% do IVA e algún outro imposto que, sumados, dan lugar ós 22.000 millóns de pesetas.
Respecto ós motivos polos que se licitou cun Goberno en funcións varios proxectos, González Murga afirmou descoñecer estes retrasos na licitación porque "estou vinculado dende 2001", mentres que Álvarez Rey explicou que dacordo coas reunións do padroado da Fundación ós que acudiu, o propio alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo, "pediu que se exercesen as obras".
Carencias no proxecto de Eisenman
A carencia no proxecto de Eisenman, que non cotexou os custes de construción do mercado e a falla dalgunhas dotacións (como camerinos no teatro da ópera) que se incluíron a posteriori, ocasionaron o sobrecuste (neste último caso tamén o incremento de superficie) das obras da Cidade da Cultura, segundo asegurou o arquitecto Andrés Perea Ortega, responsable da Dirección Facultativa das obras e autor dos proxectos de execución.
Perea foi o último comparecente da mañá na Comisión de Investigación que aspira a determinar as causas deste sobreprezo. Nesta liña, o arquitecto que cando recibiron o proxecto básico de Eisenman presentaba "unha carencia", o que obrigou a cotexar, dacordo coas solucións técnicas requeridas, "os custes de construción" existentes no mercado.
Deste xeito, o resultado foi un "proxecto cos valores de mercado" aínda que na construción empréganse "materiais que están moi a man no mercado", pois a complexidade da obra atópase "na súa execución", que fai que o "custe sexa superior á construción media do país".
Honorarios do equipo técnico
Máis aló dos custes do mercado non contemplados, existe outro elemento que eleva o prezo e que é o feito de que o equipo técnico que segue a obra foi contratado ata o ano 2006 e, dado que a obra continúa e "o equipo non se pode desgranar", isto elevará os honorarios do proxecto.
En todo caso, asegura que "nós cumprimos os prazos comprometidos para a realización do proxecto", que durou un ano e supuxo a creación de 4.734 planos e 139 tomos de documentación. Non obstante, refugou argumentar as causas de que as licitacións se producisen varios meses despois de estar os proxectos, dado que "non teño información".
Asimesmo sinalou que as suspensións temporais son normais (asegurou non coñecer un caso no que non fose así) cando existe "alternancia no goberno", se ben destacou que non se paralizaron as obras, senón que se ralentizaron a causa da paralización parcial de dous edificios.
25/10/2007