O Goberno italiano pretende que os blogs sometan os seus contidos a un xornalista profesional que actuará en calidade de 'editor responsable'. O peche da páxina persoal do fundador de 'Menéame' aviva en España a discusión sobre os lindes da liberdade de expresión.
Xeración (Santiago).
A liberdade online non pasa polo seu mellor momento. Tralo desexo alemán de controlar os contidos en ordenadores 'sospeitosos', agora é un borrador de lei o que pón en perigo a supervivencia dos blogs en Italia.
O goberno de Romano Prodi prepara un mecanismo de supervisión que obrigaría ós donos dos blogs a pagar impostos aínda que non obteña beneficio económico algún. Ademais, as bitácoras deberán estar rexistradas no ROC (o equivalente italiano á CMT).
O texto, tal e como publica o diario La Repubblica, obriga ós blogueiros a traballar ó amparo dunha neneira, unha compañía editora que velará pola legalidade dos contidos publicados. E a ter como 'editor responsable' a un xornalista inscrito no rexistro de profesionais.
Pero a lei Levi-Prodi, así coñecida por estar redactada polo subseretario do primeiro ministro, Ricardo Franco Levi, vai máis aló. O autor dos post publicados podería enfrontarse a penas de cárcere no caso de que aqueles sexan considerados difamatorios, segundo recolle o código penal italiano.
A blogosfera italiana ferve
Trala aprobación do borrador polo Consello de Ministros, o pasado 12 de outubro, só falta a luz verde do Parlamento para a súa entrada en vigor. As queixas dende a blogosfera italiana non se fixeron agardar, e a Levi non lle quedou máis remedio ca intentar arrefriar os ánimos.
Advertiu de que "non será o goberno quen peche un blog. Non é unha simple distinción entre sitios públicos ou privados, senón que a Autoridade de Comunicación indicará a través de regulacións que persoas e que empresas teñen que rexistrarse".
Pero as excusas caeron en saco roto, e un dos blogueiros máis influíntes do país, Beppe Grillo, incluíu na súa páxina unha firme declaración de intencións. "Non pecharei -sentencia- e se me obrigan a facelo levarei o contido ó servidor dun país democrático".
O fundador de 'Menéame', censurado
Lonxe de remitir, os controis na rede expándense. E España non fica á marxe. A censura invadiu o blog persoal de Ricardo Galli, o fundador do portal Menéame. Galli explica nun post o peche da súa páxina, albergada no dominio da Universidade das Illas Baleares (UIB) a raíz dun artigo publicado nela.
O texto criticaba ó Observatorio de Internet por pedir o peche de páxinas web argumentando unha ameaza do chamado 'voyeurismo dixital'. A entidade pediu a inmediata retirada do post, e advertiulle á Universidade da posibilidade de emprender accións legais por ser o responsable subsidiario, xa que a bitácora de Galli estaba rexistraba baixo o dominio uib.es.
O creador de Menéame ampara a súa defensa nos dereitos á liberdade de expresión e de cátedra. Pola súa banda, o director do Observatorio nega tódalas acusacións nun dos comentarios suscitado polo post da polémica.
China, a muralla do control online
O caso máis sangrante de censura online é a China. O goberno chinés é o titular da única compañía que suministra servizos en Internet, polo que facer limpeza e poñerlle cara a quen pretende manter a súa privacidade é un xogo de nenos.
Pero o país limpa tamén na casa do veciño. Hai dous meses, a prensa alemá alertaba de que crackers chineses se infiltraran en ordenadores do Goberno xermano. En resposta, o ministro do Interior, Wolfgang Schäuble, deseñou o proxecto 'Software Forense Remoto', que pretende o control dos ordenadores considerados sospeitosos con programas que permitan unha supervisión a distancia.
España, pendente do 17 bis
Mentres, en España as entidades de xestión de dereitos e as asociacións cidadás discrepan sobre a introdución na próxima Lei de Impulso á Sociedade da Información dun polémico artigo, o 17 bis.
De saír adiante, permitiría que entidades autorizadas puidesen pechar webs que consideren ilegais, sen necesidade dunha autorización xudicial.
25/10/2007