Datos de interés

  • Xoves 24.07.2008

En numerosos países europeos

A ONU denuncia que Europa vulnera o dereito á vivenda dos xitanos


Etiquetas: discriminación, ONU, dereitos humanos

Xeración /Axencias.

O relator especial da ONU para o dereito á vivenda, Miloon Kothari, e o comisionado de dereitos humanos do Consello de Europa, Thomas Hammarberg, instan aos gobernos europeos a tomar medidas para garantir o dereito á vivenda das comunidades xitanas.

Consideran que este dereito esencial é violado en diversas partes de Europa e denuncian que as oficinas de senllas institucións "recibiron unha cifra crecente de queixas debido a este problema en numerosos Estados europeos", entre os que aparece España. A maior parte destas denuncias débense a expulsións forzadas e desaloxos de comunidades e familias, no transcurso dos que son habituais a violencia, as ameazas e violacións dos dereitos humanos.

Privación de dereitos esenciais
Kothari e Hammarberg engaden que nos últimos anos está a medrar en Europa o sentimento de hostilidade aos xitanos e califican de "lamentable que moitas autoridades públicas locais contribúan a intensificar o odio contra este grupo étnico".

Denuncian ademais que os programas de remodelación urbana dos municipios normalmente argumenten "razóns de mercado" para desaloxar aos xitanos. Isto encubre realmente "a súa expulsión do centro das cidades, fóra da vista do público, o que é parte activa das políticas públicas".

Tanto a UE como as Nacións Unidas advirten de que, ao privar á comunidade xitana dunha vivenda digna, se lles está a someter a un trato degradante e á privación doutros dereitos esenciais, como o da vida privada, traballo, educación ou atención sanitaria. "Estas indignantes prácticas crean unha fonda preocupación sobre a xustiza social en Europa", reiteran.

As familias do Vao
Este aviso da ONU e a Unión, chega apenas unha semana despois de que a discriminación a unha familia xitana do Vao que quería mercar unha vivenda avivase as portadas dos xornais. A barriada xitana de Poio vai ser derrubada, dentro do plan institucional de erradicación do chabolismo, e os seus habitantes teñen serias dificultades para acceder a un novo fogar.

Unha destas familias tiña apalabrada a compra dun inmoble na aldea de Vilarchán, en Pontecaldelas. Os veciños decidiron mercar entre todos o inmoble, por un prezo maior ao acordado e a costa de hipotecárense, para evitar ter entre eles a unha familia procedente do Vao.

As asociacións a prol da etnia xitana denunciaron este caso de discriminación ante o Valedor do Pobo, pero o certo é que esta familia segue sen ter acceso a unha vivenda. O avogado das nove familias do Vao, que deben abandonar as súas chabolas este mes pola orde de derrubo, asegura que se os habitantes do poboado non marchan non é porque non queiran "senón porque non teñen a onde ir".

24/10/2007

4'8 (4 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Os veciños de Vilarchán hipotecáronse para impedir que unha familia xitana mercase casa na aldea (AGN)
Os veciños de Vilarchán hipotecáronse para impedir que unha familia xitana mercase casa na aldea (AGN)

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso