Xeración /AGN (Santiago).
A dificultade para "estimar custes" e a evolución do IPC da construción (elevouse nun 30% entre 1999 e 2006) foron algúns dos argumentos aportados polo ex xerente da Fundación da Cidade da Cultura, Ángel Currás (irmán do ex conselleiro de Educación, Celso Currás) para xustificar esta mañá o desfase orzamentario rexistrado no proxecto.
Acudiu á cita co Comité de Investigación ó igual que Manuel Fernández Balboa, ex director económico financeiro da Fundación e cuñado do líder do PP, Mariano Rajoy, que tamén defendeu a labor realizada durante o período no que exerceu como tal.
Presuntas contradicións
Os reproches foron constantes cara Currás, que nas súas respostas defendeu que nas adxudicacións os técnicos valoraron a calidade técnica así como as puntuacións, polo que se tiveron en conta as propostas máis económicas.
Houbo outras críticas dirixidas cara o ex xerente, como as presuntas contradicións entre os argumentos aportados agora e os que manexou en 2005 nunha comparecencia parlamentaria. Pese a todo, negou que hai dous anos dixese que se mantiña o orzamento inicial de 132,8 millóns, ou que o contido dos edificios estivese por definir, a excepción do "edificio de novas tecnoloxías".
Asimesmo, e en relación co orzamento que nalgunha ocasión estimouse como preciso para concluír as obras (500 millóns de euros), insistiu en que non se chegará a esta cifra, salvo que "agora plantexen modificar" o proxecto.
Finalmente, e como principal defensa do traballo realizado, remitiuse a outros proxectos que supuxeron un incremento sobre o custe inicial previsto e tamén foron cuestionados. Aludiu ó Guggenheim (en Bilbao) e a Casa das Ciencias de Valencia, entre outras, que a día de hoxe, asegurou, son rentables.
"Politizouse o tema"
O que tamén defendeu a súa xestión foi o ex director financeiro e cuñado de Mariano Rajoy, ó que nacionalista e socialistas puxeron en dúbida a súa capacitación para situarse á fronte deste posto, dada a súa escasa experiencia profesional. En todo momento, rexeitou dar resposta a unha pregunta dos nacionalistas, interesados en saber de qué xeito foran contactado.
Se ben non indicou como chegara aló, si dixo os motivos polos que se foi pese a que, asegurou, foron varias as peticións que realizaron para que permanecese no seu cargo a pesares do cambio do Goberno na Xunta. En todo caso, sinalou que solicitara o seu cese debido á "falla de confianza" e porque entendía que non debía continuar dado que "evidentemente, ó haber un cambio político" tiña que cesar.
Asimesmo, considerou "inxustificado" que se dubide da súa capacidade profesional dado que é Licenciado en Ciencias Económicas e asegura que o Consello de Contas "recoñece que non existe ningunha irregularidade contable", que era do que se encargaba. Tamén sinalou que non se trata dun informe "excesivamente duro dende o punto de vista financeiro" e considerou que se politizara o tema.
Diferenzas sobre as Leis de contratación a aplicar
O ex asesor xurídico da Fundación, Jesús Raposo Arceo, tamén compareceu para explicar, entre outras cousas, as contratacións de obras e traballos realizadas durante o período no que estivo asumindo estas funcións. En todo momento, Raposo Arceo manifestou que "non se plantexou ningunha incidencia notable" no ámbito das contratacións e explicou a normativa na que se baseaban os contratos.
Nesta liña, aludiu a que o informe do Consello de Contas refírese á aplicación da Lei de contratos que se aplica nas administracións públicas, a pesar de que en informes anteriores recoñece que "as fundación non se someten á contratación pública". É por iso, sinalou, que se aplicou a Lei 10/96, dado que se garantían igual "os criterios de publicidade e transparencia" e incluso permitían axilizar os trámites.
Raposo explicou que a súa labor centrábase en analizar os documentos e a súa legalidade e reivindicou a "honestidade profesional" dos técnicos que traballaron neste asunto.
24/10/2007