Datos de interés

  • Sábado 17.05.2008

Misión de exploración

A China, á conquista da Lúa


Etiquetas: Universo, ciencia, China

A China lanzou con éxito a súa primeira sonda lunar, en misión de exploración. Ábrese así o camiño que lle permitirá poñer un home na Lúa antes do 2020. O satélite, o Chang'e I, ten como obxectivo fotografar a superficie e analizar a súa composición.

Xeración (Santiago).

O lanzamento da primeira sonda lunar china pasará a engrosar as efemérides do 24 de outubro. Nunha misión de exploración, o satélite Chang'e I emprendeu o seu periplo espacial dende a base de Xichang, no suroccidente da China. O país oriental deu un paso de xigante no seu camiño para poñer a un home na Lúa antes do 2020.

O obxectivo da misión será facer fotos en 3D da superficie lunar para poder analizar a súa composición e medir o seu espesor, uns datos que non se obteron polo dagora en ningunha das visitas ó satélite.

Para isto, o Chang'e I está equipado con cámaras de alta definición e espectómetros de raios X. Estes últimos son necesarios para a clasificación dun espectro composto de 14 minerais, unha pequena parte do cento que se identificou na Lúa.

Ansias de conquista
Son varias as nacións, China incluída, que perseguen a colocación dunha base permanente na Lúa. Pero ningunha delas calcula conseguilo antes do 2020. Ata daquela, os esforzos concéntranse en ampliar coñecementos sobre o satélite terrestre, e mellorar a tecnoloxía para gañar a carreira cara a súa conquista. E, de momento, a China toma a dianteira.

A Nasa xa recoñeceu os méritos do país oriental. No 2003, co lanzamento do Shenzhou V, converteuse na primeira nación asiática en usar o seu propio cohete para poñer un home no espazo. A terceira tendo en conta as alunizaxes tripuladas que emprenderan a desaparecida Unión Soviética e dos Estados Unidos. A honra de ser o primeiro taikonauta chino correspondeulle a Yang Liwei.

Programa da viaxe
O satélite Chang'e I ten previsto entrar na órbita de transferencias entre a Terra e a Lúa o vindeiro 31 de outubro, e facerse coa órbita lunar o 5 de novembro. Segundo o previsto, enviará a primeira imaxe a finais do vindeiro mes, pero ficará en misión de exploración durante todo o ano.

Este lanzamento supón o arranque da primeira fase do programa lunar chino, que se completará co lanzamento doutro vehículo espacial que alunizará no 2012, e coa chegada dos primeiros astronautas a este satélite dentro duns 15 anos.

1956: o comezo
O programa espacial da China arrancou en 1956, pouco despois de que o líder comunista Mao Zedong lamentase que o país non era quen de enviar sequera unha pataca ó espazo. Contou dende o primeiro momento co apoio soviético.

Agora, a nave Chang'e I pretende repetir a fazaña da deusa china do mesmo nome. Segundo conta a lenda, esta viaxou á Lúa grazas a un xarope que a transportou ata alí, e conta cun cráter bautizado co seu nome. O satélite repetirá o percorrido de 380.000 quilómetros da muller da Lúa.

O medo dos veciños
Dado que o 95% da tecnoloxía espacial pode ter aplicacións militares, hai países que ven con recelo o novo vigor da industria china.

O medo nótase principalmente nos veciños India e Xapón, que tamén queren desenvolver os seus propios viaxes espaciais, e nos EEUU, que temen que Pekín empregue o programa con fins militares.

O primeiro explorador xaponés comezou a orbitar a Lúa o pasado 5 de outubro, e colocou ó país na liña de saída da carreira espacial a carón dos Estados Unidos, Rusia, a India e a China.

24/10/2007

5'0 (4 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Recreación do satélite Chang'e I, lanzado pola China. (Imaxe: Wikimedia Commons)
Recreación do satélite Chang'e I, lanzado pola China. (Imaxe: Wikimedia Commons)

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso